A patronal eólica aplaude a proposta do PSdeG

Ve "moi positivo" o pacto subscrito por PSdeG, UXT, CCOO, UUAA, Ventonoso e a Federación de Asociacións de Mulleres Rurais da Galiza.
Parque eólico da enerxética galega en Vimianzo. (Foto: Greenalia)
photo_camera Parque eólico de Greenalia en Vimianzo. (Foto: Greenalia)

A patronal eólica, agrupada na Asociación Eólica de Galicia (EGA), aplaudiu a proposta lanzada a semana pasada polo PSdeG e os sindicatos CCOO e UXT para articular un "pacto de país" que impulse o desenvolvemento de proxectos eólicos na Galiza.

Nun comunicado, a patronal valora como "moi positivo" o pacto subscrito o pasado 12 de abril entre PSdeG, UXT, Comisións Obreiras, Unións Agrarias, a Federación de Asociacións de Mulleres Rurais da Galiza e a asociación de afectados por parques eólicos Ventonoso.

Este acordo avoga por que a Galiza sexa "protagonista" na xeración de enerxías renovábeis co obxectivo de lograr a "independencia enerxética", segundo explicou o secretario  xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, na presentación, onde avanzou que o acordo está aberto a que se sumen entidades políticas e sociais do país.

"As enerxías renovábeis son a única solución para descarbonizar a economía, loitar contra o cambio climático, baixar o prezo da luz e crear emprego. O reloxo corre en contra", sinalou onte a patronal EGA, que incide en que "non hai tempo para demorar" na loita contra o cambio climático "que tanto afecta as nosas sociedades na actualidade".

Así mesmo, incide na importancia da "independencia enerxética" como, segundo recalca EGA, evidenciou o conflito en Ucraína. "Todo o mundo sabe xa que somos reféns do gas ruso, que ademais é a última e máis cara tecnoloxía", di a patronal eólica.

"Sempre insistimos en que canta máis renovábel entra no sistema, máis baixa o prezo da luz e a eólica pode achegar enerxía competitiva que axude a manter a actividade nas industrias electrointensivas", remarca a EGA.

Comentarios