Formoso critica que 3% dos 53 millóns para acceso á vivenda non se gastasen

Os socialistas darán a coñecer as candidaturas municipais en marzo.
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso.(Foto: Europa Press)
photo_camera O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso.(Foto: Europa Press)

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, denunciou esta quinta feira a "falta de sensibilidade" da Xunta da Galiza por non xestionar as axudas para o acceso á vivenda.

Formoso considerou "grave" que as axudas executadas para facilitar o acceso á vivenda estean por baixo do 4% e, "especialmente,  que sendo 96% dos fondos procedentes do Estado español", aínda non llos entregase ás familias. Dun total de 53 millóns en axudas, a Xunta executou 1,8 millóns.

Na rolda de prensa, Formoso eludiu pronunciarse sobre o seu futuro no partido, despois de que a finais de 2022 varias voces socialistas, incluíndo a dirección e el mesmo, mostrasen a súa lealdade a Xosé Ramón Gómez Besteiro –que se apartou da política tras verse investigado en causas xudiciais das que vén de ser absolto– se este quería volver ser candidato á Xunta.

O líder socialista na Galiza tamén evitou pronunciarse sobre o futuro ou eventuais decisións de Besteiro e invitou a que sexa el mesmo o que despexe as súas intencións políticas.

Formoso, que asumiu hai algo máis dun ano a Secretaría Xeral do PSdeG, esquivou manifestarse sobre as palabras do alcalde de Culleredo, Xosé Ramón Rioboo, que eloxiaban a súa figura e situábano non só como candidato á Xunta, senón como "presidente" autonómico logo dos comicios de 2024.

Renovación institucional

Sobre unha eventual inclusión de Besteiro no Goberno español como ministro, tal e como adiantou este diario, aproveitando a remodelación das municipais (hai ministros que son alcaldábeis), Formoso desviou as preguntas ás "persoas afectadas" e defendeu que o PSOE é "un partido de equipo" con "moitos valores".

Comentarios