Memoria, feminismo ou movemento LGBT: a censura cultural de PP e Vox no Estado español, unha declaración de intencións?

O bico de dúas mulleres, a memoria da represión falanxista, as reivindicacións feministas ou o uso da lingua asturiana semellan motivos suficientes para a ultradereita vetar eventos culturais nos municipios españois nos que vén de acceder ao goberno da man do PP.
Fragmento da película de animación 'Buzz Lightyear', censurada pola ultradereita. (Foto: Pixar)
photo_camera Fragmento da película de animación 'Lightyear', censurada pola ultradereita. (Foto: Pixar)

Hai menos dun mes que a extrema dereita accedeu aos gobernos de 140 concellos españois da man do PP, na maioría dos casos asumindo as competencias en Cultura ou Familia, e a súa pegada reaccionaria xa comeza a facerse notar. A censura paira sobre a cultura e afecta todos os públicos, desde a cativada até as persoas adultas, con diferentes producións que o criterio do ultraespañolismo non considera adecuadas.

O pasado ano ano, con motivo da súa estrea, fora obxecto de polémica o veto á película de animación Lightyear en países como Kuwait ou Arabia Saudita, alegando a "inmoralidade" dunha curta escena na que se bican dúas mulleres que son parella. Agora, hai escasos días, a censura deste filme infantil aterrou no Estado español; nomeadamente, no municipio cántabro de Bezana, onde o Goberno de PP e Vox decidiu cancelar a súa proxección, previamente contratada e anunciada, nun cinema público ao ar libre.

En Valdemorillo (Madrid), a primeira medida da ultradereita foi rexeitar a representación, xa pactada no marco dun festival teatral, da obra Orlando, de Virginia Woolf, todo un clásico da literatura universal no que a autora achega unha visión crítica do papel asignado á muller e saca á palestra temas como a homosexualidade ou a sexualidade feminina. PP e Vox vetárona en plena semana de celebración do Orgullo LGBTI+.

Na mesma liña, a extrema dereita cre as "insinuacións sexuais" son motivo abondo para reclamar a censura de futuras representacións de A vilá de Xetafe, de Lope de Vega, cuxa adaptación a finais do pasado xuño, ao seu xuízo, "perverteu" a obra orixinal.

A censura alcanza tamén a memoria histórica, pois no municipio de Briviesca (Burgos), a vaga reaccionaria levou o Goberno local, dirixido polo PP co apoio de Vox e Ciudadanos, a suprimir da súa programación a obra teatral O mar: visión duns cativos que non o viron nunca, que rememora a historia do mestre republicano Antonio Benaiges, asasinado en 1936 polas milicias falanxistas.

E non quedan fóra dos vetos as linguas diferentes do castelán, tal e como deixou claro após acceder á concellaría de Festas de Xixón, en Asturies, a ultradereitista Sara Álvarez Rouco, cando foi preguntada por se incluiría na programación actuacións en lingua asturiana: "Se se pode [evitar], non, pero nunca se sabe". Logo tentou matizar as súas palabras defendendo que si poderá habelas, mais sempre que os espectáculos "non sirvan de plataforma de apoio á oficialidade" do idioma.

Comentarios