Formalizado o paso a non adscritos dos catro edís expulsados do PSdeG de Compostela

Muíños insiste en que non se debería realizar o pleno até non resolverse a situación xudicial e Guinarte defende que se cumpre a lei.

Mila Castro, Mercedes Rosón, Gonzalo Muíños e Marta Álvarez á saída do Pazo de raxoi o pasado mes de febreiro. (Foto: Arxina)
Mila Castro, Mercedes Rosón, Gonzalo Muíños e Marta Álvarez á saída do Pazo de raxoi o pasado mes de febreiro. (Foto: Arxina)

O paso como edís non adscritos dos catro concelleiros e concelleiras do PSdeG de Compostela que foron expulsados do partido -Gonzalo Muíños, Mercedes Rosón, Mila Castro e Marta Álvarez- fíxose efectivo esta sexta feira  nun pleno extraordinario do Concello.

Isto reflectiuse tamén nun cambio na distribución dos asentos no Pleno: o novo portavoz do grupo municipal socialista, Sindo Guinarte, ocupa o lugar no que se situaba Muíños e, ao seu lado, a outra concelleira que permanece no grupo socialista, Marta Abal. Nesta fila superior tamén se situou o representante de Compostela Aberta Xan Duro e, a continuación, Marta Álvarez e Mila Castro. Mentres, nos asentos da fila inferior xa se situaron os concelleiros Gonzalo Muíños e Mercedes Rosón.

Así, a alcaldesa, Goretti Sanmartín, iniciou o pleno coa lectura dos primeiros puntos da orde do día: a toma de coñecemento do pase á situación de non adscritos dos concelleiros da Corporación e a modificación da composición das comisións de informe, estudo eproposta, permanentes e especiais.

 Neste punto, tomou a palabra o edil Gonzalo Muíños, que volveu a insistir en que este pleno "non se tería que celebrar" e debería esperarse "a que a xustiza se pronunciase". "Supón a execución dunhas resolucións do PSOE que se atopan xudicializadas e, se me apuran, pode ser unha intromisión ao labor xudicial", criticou despois de afirmar que "é difícil de xustificar ante a cidadanía o que hoxe se está facendo aquí".

Así mesmo, Muíños reprochou que se lles "relegue" ao "ostracismo político para limitar" o seu mandato representativo. "Fáisenos a catro concelleiros; máis que o grupo municipal socialista e que o de Compostela Aberta", destacou.

Por todo iso, o concelleiro cuestionou "en que lugar quedan as regras da democracia representativa". "Que representamos aquí as persoas que formamos parte da corporación, unhas siglas ou aos nosos veciños? Que pesa mais?", preguntou.

En todo caso, defendeu que os catro seguirán "cumprindo coas 10.000 persoas" que depositaron o seu voto a favor do PSdeG nas pasadas eleccións municipais, xa que, reiterou, o "mandato representativo" sitúaos "como representantes lexítimos".

Nesta liña, avanzou que os catro votarían a favor de "seguir participando en catro comisións", posto que "é o mínimo", engadiu, que se lles "debe garantir".

Tras isto, empregou a quenda de palabra o novo portavoz socialista, Sindo Guinarte, quen, brevemente, cuestionou se "ten sentido" abrir un debate sobre "cumprir ou non cumprir as normas". "O grupo municipal socialista está por cumprir as normas e é o que se está facendo", resolveu.

Pola súa parte, Goretti Sanmartín manifestou que o que se somete a votación esta sexta feira é "a modificación nas comisións, tanto as permanentes como as especiais para garantir a representatividade de todas as persoas que forman parte da Corporación, seguindo a regulación e a normativa".

Finalmente, tanto os partidos que forman parte do goberno local -BNG e C-- como os dous concelleiros socialistas e os non adscritos votaron a favor desta modificación, mentres que o grupo popular optou pola abstención.

Comentarios