ANA PONTÓN

"Este país precisa dun goberno que confíe nel"

Ana Pontón (Sarria, 1977) é a portavoz nacional do BNG e a líder parlamentaria nacionalista nesta lexislatura. A entrevista ten lugar xusto despois da primeira sesión de control ao presidente da Xunta neste período de sesións. Pontón, que vén de anunciar que vai ser nai, advirte contra a solución do “bipartidismo harmónico” como saída á crise institucional do Estado e pide “cambiar o marco autonómico para poder ir a un modelo no que realmente teñamos poder político”. Eis un extracto da entrevista publicada na íntegra no número 364 do semanario en papel Sermos Galiza
ana pontón

Como describiría o momento político actual no Estado?

Galiza está desaparecida no debate. Outras nacións sen Estado si que están aí. Pero Galiza está muda. Ninguén falou de Galiza nas negociacións para a investidura de Pedro Sánchez. Teño a sensación de que a política estatal está dominada polos egos e polo infantilismo. A crise  política e institucional do Estado cada vez se agudiza máis. E se facemos unha análise do que pasou desde as eleccións de abril e maio até hoxe vemos que o nacionalismo ten máis sentido de Estado que quen vai dando golpes no peito na defensa de España.

Como lle afectaría ao BNG a repetición das eleccións xerais?

Estamos expectantes e preparadas e preparados para afrontar ese reto. Non nos parece o mellor escenario, pero tamén é certo que supón unha oportunidade para que Galiza recupere unha voz propia a través do BNG. 

Vexo moito nerviosismo nun Partido Popular cada vez máis enrocado en posicións autoritarias

Como están Feixoo e o PP neste último ano de lexislatura respecto dos remates das dúas lexislaturas anteriores? Aprecia vostede diferenzas?

Vexo moito nerviosismo nun Partido Popular cada vez máis enrocado en posicións autoritarias, de manipulación e de propaganda, e incrementando o control dos medios públicos. O próximo ano van insistir en todo isto e teremos unha campaña de endeusamento de Feixoo. Non teño ningunha dúbida de que será Feixoo o candidato á presidencia da Xunta.

m1_DuplaEntrevistaAnaPonton

E Feixoo?

Agora mesmo é a cara máis españolista do PP, pero disfrazado de galeguista. Paréceme un pouco o que foi  Ruiz Gallardón, cando ía de ‘progre’ pero realmente nunca deixou de defender toda a ideoloxía máis reaccionaria da dereita. Feixoo ten ese perfil, ademais dunha obsesión polo control dos medios públicos e da información. 

Máis aínda que Fraga?

Si. O que contan as traballadoras e traballadores da radio e da televisión públicas galegas é que nunca houbo tanta presión, tanto control e tanta manipulación como desde que está Feixoo, e sobre todo nesta última lexislatura. Feixoo é unha persoa amoral e paréceme que iso é un perigo para a democracia. Na política, sen principios, valores e ética, o poder é unha arma moi perigosa. Non ten nada que ofrecerlle a Galiza. Envólvese na bandeira simplemente para levar adiante a súa carreira política e no PP.

Pero vostede di que vai rematar aquí, como candidato á Xunta…

Estou convencida diso, pero penso que é porque non ten outra saída. Aínda non sabemos que razóns lle impediron liderar o PP no seu momento. Tivo que resignarse, e vímolo chorar cando anunciou que non se ía para Madrid. Creo que chorou porque non puido facer algo que estaba nos seus plans.

Precisamos dun cambio de paradigma. Ter poder de decisión, e para iso hai que cambiar o marco autonómico para poder ir cara a un modelo no que realmente teñamos poder político nos asuntos que son centrais na economía e na vida das persoas

O Bloque empeza o curso con dous obxectivos marcados. O primeiro é o de ampliar a súa base social. Que está facendo o BNG para conseguir iso?

Desde hai tres anos estamos incorporando moita xente: xente que nunca participara en política, xente que estivera e volveu, xente que estivo noutros espazos e caeu na conta de que é necesario construír unha forza de país. Foi un proceso de actualización tendo en conta a defensa da auto-organización, porque sen iso non hai nacionalismo posíbel.

O segundo obxectivo é a defensa da Galiza “en todos os grandes temas”. Máis aló da análise da situación, cal é a proposta de país do BNG?

Entendemos que as políticas centralistas de Madrid están sendo un lastre para Galiza. Precisamos dun cambio de paradigma. Ter poder de decisión, e para iso hai que cambiar o marco autonómico para poder ir cara a un modelo no que realmente teñamos poder político nos asuntos que son centrais na economía e na vida das persoas. Para apostar en que aquí se pechen os ciclos produtivos e pola innovación; poder contar cun concerto económico que evite que o Estado se quede cunha parte moi importante dos recursos que recada na Galiza. Cando se fai unha arquitectura centralista, Madrid xoga ao seu antollo cos nosos recursos. Hai outras dúas cuestións que son claves. Unha é enfrontar a emerxencia climática que estamos vivindo e darlle unha resposta en clave galega, é un problema global, de modelo, pero desde cada territorio hai que darlle unha resposta. Aquí non podemos seguir co modelo forestal actual, temos que sanear as rías e ver como se ‘descarboniza’ o país pero con alternativas de emprego. A segunda cuestión é que a loita feminista e contra a violencia machista ten que ser unha prioridade.

[Podes ler a peza íntegra no número 364 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]

Comentarios