Fernán Vello considera que o discurso de En Marea obviou “a realidade nacional galega”

O deputado eleito por Lugo reflexiona no seu FB sobre o resultado electoral e atribúe o “devalo” a unha serie de factores, desde unha campaña “desorganizada” a posicións “españolistas”, pasando por non concorrer como partido instrumental.

Fernán-Vello
photo_camera Fernán-Vello

Miguel Anxo Fernán Vello foi eleito o 26 de xuño deputado ao Congreso por Lugo na lista de En Marea, revalidando así o cargo obtido nas urnas seis meses antes, o 20 de decembro. O poeta e editor realiza no seu facebook unha reflexión sobre os resultados do 26X e expón as causas que ao seu entender explican o que el propio califica como “devalo ou refluxo” fronte as espectativas de 'tsunami' que había para eses comicios.

Para Fernán Vello a campaña realizada por En Marea foi “un paradigma de desorganización” ao que hai que engadir, sinala, que a “proxección cara ao exterior de problemas internos” foi negativamente acollida por unha parte dos vontantes da coligazón. A campaña “do medo” tamén figura entre as explicacións, afirmando Fernán Vello que foron albo de “ocultación, manipulación, terxiversación e ataques directos”. Mais non se soubo responder “con axilidade e imaxinación”, lamenta.

Centralismo

Mais a reflexión de Fernán Vello non finaliza aquí. Recoñece que o discurso político de En Marea “tivo en moitos casos, e dende certas posicións, matices centralistas ou “españolistas”, obviando a realidade nacional galega (económica, social, cultural...), o que “desenfoca” a razón de ser mesma de En Marea”. A isto engade o “erro” de non concorrer nestas eleccións como “partido instrumental” para así, aponta, “blindarmos” aínda máis a posibilidade de obtención de Grupo Propio no Congreso, o que un bo número de votantes (agora ex votantes) tería agradecido”. 

Porén, o deputado lucense finaliza indicando que, embora o “devalo”, En Marea logrou 350.000 votos, un apoio importante, “todo un capital” a ter en conta á hora de tecer “a gran alianza do pobo galego” para lle desputar ao PP a Xunta de Galiza.

Debate interno

As reflexións de Fernán Vello prodúcense no marco do debate interno que se produce en En Marea e no que hai diferentes visións e interpretacións, non só sobre o resultado electoral ou a fórmula de concorrencia ás eleccións xerais mais tamén sobre a candidatura ás galegas

Comentarios