Feixoo tenta rebaixar a tensión da súa sucesión negociando cos líderes provinciais

O presidente dá por feito que o seu substituto mudará de conselleiros.
Alberto Núñez Feixoo e Manuel Baltar, no último Congreso do PPdeG (Foto: PP).
photo_camera (Foto: PP).

Alberto Núñez Feixoo segue sen avanzar información sobre modos e nomes da remuda derivada da súa marcha a Madrid como presidente do Partido Popular español. "Cando haxa algo que comunicar farémolo, e no lugar axeitado", respondeu esta sexta feira aos medios que lle preguntaban con insistencia sobre a sucesión tras o Consello da Xunta, que decorreu na Coruña. "Preocupación ningunha" pola sucesión, dixo, "queremos unha remuda ordenada e rápida, que garanta a estabilidade".

O aínda presidente galego quixo quitar ferro ás voces discordantes destes días entre os líderes territoriais do PP sobre o proceso de substitución. "Están colaborando todos cunha transición repentina, desde a tranquilidade", dixo, e recoñeceu que nestes días xa se reuniu con algúns dos presidentes provinciais do PP galego —non dixo cales— e que nas vindeiras xornadas farao co resto.

Núñez Feixoo afirmou que segue "moi contento" co seu equipo no PP galego e apuntou a que, malia marchar a Madrid e deixar a Presidencia galega, "vou seguir falando coa Xunta até finais de lexislatura", unha frase que fai entrever unha disposición á "tutela" do Goberno galego desde Xénova e a evitar divisións e diverxencias após a súa marcha.

Por outra parte, Feixoo volveuse negar a dicir se apoiaba a vía dun Congreso extraordinario no PP galego para elixir o novo mandatario, como pediron Diego Calvo -presidente provincial do PP da Coruña- e José Manuel Baltar -presidente do partido en Ourense-; ou se a designación será a través da Xunta directiva do PP, como quere outro sector da formación. Si indicou que sexa quen sexa o seu substituto á fronte do Goberno galego el ou ela será quen designe os membros do novo Executivo, decidindo se mantén ou non os actuais conselleiros. As fontes do PP galego consultadas por Nós Diario dan por segura a entrada no Goberno de persoas propostas polos presidentes provinciais do partido. Así, non descartan a aterraxe de Diego Calvo ou de Elena Candia -presidenta do PP lugués- á fronte de Consellarías.

Inconstitucionalidade

Entre os acordos tomados onte no Consello da Xunta está a presentación dun recurso de inconstitucionalidade contra a Lei antifraude do Goberno español que elimina as herdanzas en vida, figura do dereito civil galego. "Desde 2009 houbo 270.000 destas operacións", informou Feixoo, que incidiu en que esa lexislación española supón unha invasión das competencias da Galiza. A reunión do Executivo tamén acordou aprobar a Estratexia de especialización intelixente até 2027 co obxectivo de favorecer "unha mobilización de 5.000millóns de euros de investimento público-privado" en I+D+i.

Axudas para libros

Dentro do capítulo de anuncios, o presidente deu conta de que se ían destinar 25,6 millóns para axudar as familias na compra de libros e material escolar. O alumnado de 1º e 2º de Primaria poderá acollerse ás axudas á compra de libros, que van entre dos 140 aos 210 euros en función da renda. E no capítulo de acordos económicos, anunciou a posta en marcha de axudas por importe de 80 millóns en financiamento para pemes e autónomos, citando as pequenas estacións de servizo, cunha liña especial. 

Comentarios