Feixoo elixiu o español no seu encontro co presidente e o primeiro ministro de Portugal

A celebración do Xacobeo, o Camiño Portugués e as infraestruturas centraron os encontros que o presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, mantivo en Lisboa, primeiro co presidente da República, Marcelo Rebelo de Sousa, e a continuación co primeiro ministro, António Costa. 
 

O titular da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, reuniuse onte co presidente portugués, Marcelo Rebelo (Foto: Xunta da Galiza)
photo_camera O titular da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, reuniuse co presidente portugués, Marcelo Rebelo (Foto: Xunta da Galiza)

Portugal priorizará a alta velocidade no próximo período de fondos europeos, unha infraestrutura cun proxecto duns 900 millóns de euros e que prevé empezar polo tramo que une a cidade de Braga e a fronteira coa Galiza. Así o destacou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, nunha rolda de prensa ofrecida esta quinta feira, 27 de maio, en Lisboa tras reunirse co primeiro ministro luso, António Costa, e o presidente da República portuguesa.

Pese á Galiza e Portugal compartiren sistema lingüístico, os tres mandatarios empregaron o castelán durante as reunións. 

No encontro, conforme sinalou o titular da Xunta, tanto el como Costa abordaron diversas cuestións, entre as que destacou a vertebración territorial. "Para ese efecto, agradézolle ao Goberno portugués e ao seu primeiro ministro a confirmación da prioridade ferroviaria entre Lisboa-Porto-Braga-fronteira galega", afirmou.

Ademais, puxo en valor o feito de que esta infraestrutura empece polo tramo que une a cidade de Braga coa Galiza. "Estou convencido de que é unha gran decisión estratéxica de Portugal", manifestou.

Segundo destacou Feixoo, este "tren de alta velocidade", que unirá a Galiza e Portugal "para sempre", permitirá unir "Vigo-Braga-Porto, e así até Lisboa (...) Sen dúbida é unha conectividade que vai unir todo o eixo atlántico, desde A Coruña a Lisboa", celebrou o presidente ga-lego.

Preguntado polos medios, o presidente da Xunta explicou que o prazo que se manexa é que se poida empezar ese proxecto no ano 2025, "unha vez finalizados os proxectos de construción necesarios", co obxectivo de que "poida estar finalizado nos prazos dos fondos europeos".

"O que me confirmou -en referencia ao primeiro ministro- é a prioridade neste momento de consolidar o eixo atlántico, a vertebración completa de Portugal", apuntou Feixoo, que incidiu na importancia de que "a primeira obra" sexa a "que une Braga coa fronteira portuguesa".

O Camiño Portugués

Previamente ao encontro con Costa, o presidente da República, Marcelo Rebelo, recibiu no Palácio de Belém o titular da Xunta, quen expuxo que tanto o Camiño Portugués do Interior como o da Costa experimentan "o maior crecemento de peregrinos", como xa se puxo de manifesto en 2019. Ademais, Núñez Feixoo resaltou o patrimonio histórico, a gastronomía e a paisaxe como elementos chave destes roteiros, e destacouno como oportunidade para reactivar a economía na Galiza e en Portugal. 

Nesa liña, o responsábel do Goberno galego agradeceu a decisión comunicada por Rebelo de Sousa de facer unha etapa do Camiño Xacobeo como peregrino no vindeiro mes de agosto. 

Feixoo tamén destacou que a situación actual da pandemia permitirá recuperar a "relación de veciñanza, económica e social" entre ambos os países, especialmente nas zonas da Raia, illadas durante os meses máis duros da pandemia.

Comentarios