xoves 29/10/20

Feixoo di agora que de se "acreditar a mala fe" e non se vende Alcoa, a Xunta "pedirá formalmente a intervención"

A preguntas do BNG na sesión plenaria.
Alberto Núñez Feixoo na sesión de control ao Goberno (Xunta)
Alberto Núñez Feixoo na sesión de control ao Goberno (Xunta)

O presidente da Xunta asegurou que se "se acredita a mala fe" da multinacional Alcoa para non vender a fábrica co fin de "eliminar un competidor", "entón o Goberno de España terá unha petición formal para intervir a compañía".

Con rotundidade, Feixoo fixo esta afirmación no pleno do Parlamento, nunha sesión de control na que a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, esixiu coñecer se o Goberno galego "traballa xa" na "intervención" da fábrica de aluminio primario, unha reclamación que os nacionalistas levan meses realizando.

Durante un debate tenso, Feixoo subliñou que desde o mes de xullo, pasadas as eleccións galegas, Xunta e Goberno español están a traballar "xuntos" e en colaboración.

O mandatario dixo que Alcoa está "en prazo de rectificar" e vender a fábrica, ou ben de forma directa a Liberty House ou ben á SEPI, para que logo a empresa pública lla revenda.

Neste sentido, dixo que até esgotar estas vías, a fábrica non se pode intervir, polo que esta acción, que solicitará a Xunta -aseverou-, é o terceiro paso do procedemento.

comentarios