martes 11/08/20
Contacto do presidente da Xunta con Pedro Sánchez

Feixoo alerta de que o Estado "acosa" a Galiza coa débeda

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, mantivo este martes unha conversa "cordial" co presidente en funcións e candidato á presidencia do Estado, Pedro Sánchez, na que trataron os asuntos considerados "urxentes" para Galiza entre os que a Xunta sitúa a incerteza coa que viven os traballadores e as traballadoras de Alcoa e os da central de Endesa nas Pontes, a chegada do AVE e a débeda do Estado coas Comunidades Autónomas. 
O presidente da Xunta na súa comparecenza deste martes.
O presidente da Xunta na súa comparecenza deste martes.

Feixoo trasladoulle a Sánchez que, no cómputo xeral, son 8.000 familias as que dependen da empresa electrointensiva Alcoa en todo o país e o aviso que o comité de empresa da fábrica realizou sobre a posibilidade de que os directivos estadounidenses do ente decidan fechar, total ou parcialmente, as súas instalacións na Galiza antes do Nadal.

O futuro de Alcoa, que supón o 30% do PIB industrial de Lugo, decídese nuns despachos de Pittsburgh. Un extremo do que Sánchez asegurou ser "coñecedor". Neste senso, Feixoo manifestou que o candidato á presidencia do Estado comprometeuse a facer “unha xestión persoal” para trasladar aos responsábeis da empresa os intereses de España pola continuidade da actividade da fábrica na Galiza.

"Esperemos que esta xestión con Alcoa se produza e teña efectos", apuntou Feixoo, para reclamar que o Goberno central "se tome en serio os problemas das industrias electrointensivas" e colabore cunha baixada do prezo do MegaWatio a cifras do 2017. Con todo, o presidente da Xunta afirmou que non dispón de "garantías" para os traballadores "neste momento".

O mesmo sucede, segundo Feixoo, cos traballadores das Pontes, cuxa situación non foi tratada "a fondo" na conversa "por falta de tempo". No caso do AVE a Madrid, Feixoo insistiu en que o tramo a 90km/h entre Zamora e Ourense, que reducirá o traxecto total en 50 minutos, "xa tiña que estar aberto".

No que fixo fincapé o presidente da Xunta foi na débeda de máis de 200 millóns de euros que o Estado ten coa Galiza. Feixoo alertou de que comezar unha nova lexislatura como "morosos" sería unha declaración "sen precedentes de acoso ás Comunidades Autónomas leais e cumpridoras e de man tendida ás incumpridoras e desleais". "Sería poñer o Estado das autonomías do revés, e poñer as cousas do revés nunca dá bo resultado en política", esgrimiu.

"Se o presidente pretende empezar o seu previsíbel mandato  baixando a tensión territorial e non paga ás Comunidades Autónomas o que lles debe, comezaría o mandato coa maior tensión territorial que eu lembre nun candidato", dixo Feixoo, para engadir que Sánchez "está avisado".  

Na conversa Sánchez manifestou a súa confianza en superar o trámite da investidura e en que haberá unha lexislatura de "distensión territorial". Ao contrario do que vaticina o líder da Xunta se non se transfire o que se debe do IVE, algo que Sánchez volverá consultar co Ministerio de Facenda.

comentarios