Feijóo irrompe en Catalunya e pide o voto 'da liberdade' para o Partido Popular

Núñez Feijóo participa en Barcelona nun mitin en que pide o voto para a candidata popular Alicia Sánchez Camacho. Na súa intervención, que tivo lugar no Centro galego da cidade condal o presidente en funcións da Xunta de Galiza e líder do PPdeG pediu "o voto da liberdade dos cataláns".
Feijóo
photo_camera Alberto Núñez Feijóo

A vitoria do Partido Popular nos comicios do 21-O e a re-validación da súa marioría absoluta, malia a perda de votos, están a situar a Alberto Núñez Feijóo como unha das figuras fortes no seo do Partido Popular.

Neste senso, o presidente en funcións da Xunta de Galiza, viaxou a Catalunya esta fin de semana para apoiar a Alicia Sánchez Camacho, candidata á presidencia da Generalitat nas vindeiras eleccións do 25N. Feijóo, interviu nun acto de campaña desenvolvido no Centro galego de Barcelona e animou a apoiar ao Parido Popular como única opción fronte "aqueles que levaron a Catalunya até este punto" en que dixo os seus problemas veñen "do fracaso continuado e colectivo de PSC, ERC, ICV e CiU".

Cun discurso unionista, o líder d@s populares galeg@s criticou con dureza os partidos soberanistas e asegurou "nós non nos presentamos para axitar bandeiras senón para pagar facturas" e subliñou, "a favor do progreso de Catalunya e dos cataláns". Aliás, afirmou que "fronte aos discursos territoriais" o Partido Popular defende o discurso "das persoas" polo que pediu o voto "da liberdade dos cataláns" mais aclarou "e non falo de ideoloxías, territorios nacionalismos ou España".

As enquisas achegan a CiU á maioría
O último inquérito publicado este mesmo domingo polo xornal catalán La Vanguardia apunta cara a unha posíbel maioría absoluta de CiU, situando ao soberanismo nunha importante representación parlamentar que viría reforzada polo aumento de escanos obtidos por ERC, ao que a enquisa lle outorgaría entre 15-17 parlamentares fronte @s 10 que obtivera nos comicios pasados.

Doutra banda, o Partido Popular de Alicia Sánchez, situaría moi próxima aos escanos do PSC verbo dunha importante perda de apoios sufrida por esta formación. @s socialistas cataláns continuarían coa tendencia xeralizada padecida polos partidos socialistas e ficaría con 10 escanos menos, e baixando.

Comentarios