O debate

Que modelo de xestión é mais eficaz para prestar o SAF?

A tenente de alcalde da Pobra do Caramiñal, Amparo Cerecedo, e o profesor de Ciencias Políticas Miguel Bastos debaten sobre o modelo de xestión do Servizo de Axuda a Domicilio.
A espera na Galiza para dependencia duplica o máximo estabelecido por lei. (Foto: Xunta)
photo_camera O Servizo de Axuda no Fogar (SAF) ten incrementado de maneira considerábel o seu numero de persoas usuarias na última década.. (Foto: Nós Diario)

Amparo Cerecedo, primeira tenente de alcalde da Pobra do Caramiñal

A xestión de éxito do SAF na Pobra do Caramiñal

Amparo Cerecedo

A prestación de servizos públicos enteiramente desde as administracións é posíbel, é viábel economicamente, é eficiente e é a mellor maneira de xestionar os nosos impostos. Así o comprobamos desde a Concellaría de Servizos Sociais da Pobra do Caramiñal que dirixe o BNG. O neoliberalismo imperante fainos crer que a privatización de servizos é algo positivo, máis eficiente e rendíbel para as administracións e para a sociedade, cando a realidade é xusto a contraria: precarización laboral e mala calidade asistencial. A privatización só beneficia un puñado de empresas que se enriquecen á custa do gran negocio do benestar e dálle todo o sentido a aquela vella consigna: “o público é servizo; o privado, beneficio”.

Así o entendemos no BNG polo que, en principio, foi una cuestión ideolóxica a que nos animou a proxectar a municipalización do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) no concello da Pobra. Cremos firmemente que os servizos que prestan as administracións deben ser públicos, xestionados desde as propias administracións, e non privatizados, entre outros motivos porque o concello non busca obter beneficios financeiros, senón ofrecer unha asistencia de calidade.

Con todo o convencemento ideolóxico, si, mais aínda así foi unha decisión moi meditada e tomada sabendo que era sostíbel economicamente, tecnicamente viábel e que aportaba un beneficio social superior ao da xestión privada.

Desde o punto de vista económico resulta rendíbel, máis económico para as arcas do concello do que resultaba ter contratada unha empresa externa. 
A municipalización posibilitou incluso poder contar cunha traballadora social máis, o que supuxo o reforzo do cadro de persoal dos servizos sociais comunitarios permitindo ampliar o horario de atención a toda a veciñanza coa reorganización da propia área. Asemade, reestruturouse o traballo das profesionais para optimizar e modernizar o servizo cun programa específico de coordinación.

En consecuencia, o servizo que se presta despois da municipalización é de máis calidade, tanto para as persoas usuarias como para as traballadoras. As profesionais da empresa foron contratadas polo concello, de maneira que agora teñen garantidos os seus dereitos laborais nunha profesión moi feminizada e precarizada, como sabemos polas recentes e reiteradas mobilizacións do sector.

Unha mellora para as usuarias

Polo que se refire ás persoas usuarias, cando o servizo era prestado por unha empresa privada había gran rotación de traballadoras, o que resultaba moi prexudicial para os usuarios con problemas cognitivos que cada día se atopaban cunha persoa distinta no seu fogar. Despois, coa reorganización e coordinación, estableceuse unha vinculación específica das traballadoras coas usuarias, o que redunda en beneficio de todos.

De maneira que agora podemos certificar, cos datos na man, que tiñamos razón, que a xestión pública do Servizo de Axuda no Fogar é sostíbel técnica, social e economicamente. Polo tanto, os impostos que pagamos están mellor xestionados e reverten en beneficio de toda a veciñanza, creando emprego de calidade e ofrecendo unha asistencia eficiente.

Aínda que requiriu un grande esforzo e supuxo un incremento do traballo da concellaría e persoal técnico do concello, o balance é totalmente positivo.  
De feito, o proxecto político do BNG na Pobra do Caramiñal contempla remunicipalizar outros servizos que neste momento están sendo xestionados por empresas privadas, como, por exemplo, o da auga.


Miguel Anxo Bastos, profesor de Ciencias Políticas da USC

As razóns da externalización de servizos públicos

miguel bastos

A prestación de servizos públicos por parte das administracións fíxose de moitas formas ao longo do tempo, sendo a máis común delas a externalización a empresas privadas. O arrendamento de servizos públicos ao sector privado xa está na Biblia (os famosos publicanos) e nos rexistros históricos de civilizacións como a romana, polo que non podemos falar dun malvado invento do neoliberalismo, senón dunha forma de prestar servizos tan antiga como os propios estados que os financian. Hoxe en día acostumados como estamos ao funcionamento da administración española coa súa omnipresente prestación directa do servizo non somos capaces de concibir que noutros tempos ou noutros lugares de Europa, como Suecia sen ir máis lonxe, a día de hoxe a externalización sexa a forma máis común de atención aos usuarios dos servizos sociais, moi especialmente no que aquí denominamos de dependencia.

Acusada falsamente de privatización, pois seguen a ser financiados polos estados e os seus usuarios non perden dereito ás prestacións, esta forma de prestar os servizos públicos conta con certas vantaxes, que explican que siga a ser usada despois de tanto tempo e a pesar das críticas.

En primeiro lugar a externalización permite dimensionar a prestación de servizos adecuando as unidades operativas á demanda dos mesmos. Os concellos son unidades político-administrativas, pero non son as entidades necesariamente adecuadas en tamaño e escala para o subministro de bens públicos. Isto é, os concellos galegos oscilan entre varios centos e varios centos de miles de habitantes e tamén varían substancialmente na súa extensión xeográfica. Os medios materiais e humanos teñen outra escala de prestación, que non ten que ver coas dimensións políticas. Unha furgoneta de axuda domiciliaria ou un camión de bombeiros, por exemplo, poden estar pensados para atender unha populación de digamos (é un exemplo hipotético)  10.000 persoas e polo tanto un concello de 15.000 habitantes se ten un só camión quedará insuficientemente dotado e se ten dous malgastará o recurso. 

As vantaxes da empresa

Unha empresa, en cambio, pode escalarse mellor e cos seus medios adecuarse á prestación de servizos ao territorio que ten contratado, que normalmente abranguerá varios concellos e poderá polo tanto usar os seus recursos en máis de un. Permite, así, mancomunar recursos, incluso entre concellos non veciños e tamén permite operar a escala menor á do concello, posibilitando a outras empresas mellor adecuadas operar no mesmo espazo político. Isto facilita tamén a xestión de recursos humanos, que ao non estar circunscrita a unha empresa municipal permite trasladar sen necesidade de complexos trámites persoal duns concellos a outros, de ser puntualmente necesario, o que facilita cubrir picos de demanda ou unha mellor xestión das baixas laborais.

Tamén pode facilitar unha mellor selección e asignación dos traballadores ao permitir incluír na selección dos mesmos elementos tan relevantes nos traballos de coidados como a empatía, a paciencia ou as habilidades de trato interpersonais, moi difíciles de calibrar nos procedementos administrativos de selección de persoal comúns no dereito administrativo. Pode ter tamén vantaxes á hora de comprar os insumos necesarios para o seu funcionamento, debido aos menores trámites e a un mellor escalamento das compras. E sobre todo, e isto é unha maldade miña, permite evadir responsabilidades aos xestores políticos en casos de mal funcionamento do servizo ou de conflito laboral.

Comentarios