A Fegamp pide á Xunta que aprace as cobranzas do canon da auga aos Concellos até resolver "as súas discrepancias"

A entidade municipalista pide que se apracen as reclamacións destas contías até que se solucionen as discrepancias coa Administración galega por mor da lei do ciclo integral da auga, que foi sinalada desde os seus comezos pola oposición (BNG e PSdeG) porque suporía, denunciaban, aumentos na factura.
Reunión da Fegamp esta terza feira (Foto: Fegamp).
photo_camera Reunión da Fegamp esta terza feira (Foto: Fegamp).

A Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) solicita unha moratoria na cobranza das liquidacións que Augas da Galiza, dependente da Xunta, reclama aos concellos que contan con depuradoras cuxa xestión asume o organismo galego ou unha empresa a través de contratos de concesión de obra pública.

A entidade municipalista pide que se apracen as reclamacións destas contías até que se solucionen as discrepancias coa Administración galega por mor da lei do ciclo integral da auga, que foi sinalada desde os seus comezos pola oposición (BNG e PSdeG) porque suporía, denunciaban, aumentos na factura.

Estas demandas xurdiron dunha reunión que esta terza feira mantiveron varios alcaldes de concellos afectados co presidente da Fegamp e tamén rexedor de Vilagarcía de Arousa, Alberto Varela, e os vicepresidentes primeiro e segundo, Carlos Martínez e Secundino García, respectivamente.

Os asistentes, segundo informa a Fegamp nun comunicado, coincidiron en denunciar que "non houbo diálogo previo" cos concellos para sacar adiante esta lei que supuxo "cuantiosos incrementos no cobranza da auga".

A realidade deu "a razón" á federación municipalista, afirma, nas súas previsións que apuntaban a un incremento de 60% sobre o custo da factura. Neste contexto, a entidade solicita abrir "un proceso de diálogo" con Augas da Galiza para que ambas as partes acorden unha "solución óptima".

Moratoria

Ademais, a Fegamp solicita unha moratoria da cobranza destas contías até que se resolvan estas discrepancias, como mostra da "boa vontade" de ambas as partes para resolver o conflito.

"A Xunta e Augas da Galiza non deberon pretender afogar os concellos cos recibos da auga dunha lei que se impuxo sen diálogo", esgrime Alberto Varela.

Comentarios