Falece após sufrir un infarto a ex alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre

A ex rexedora socialista dimitiu a finais de 2021 para evitar unha moción de censura orquestrada polo PP.
Eva García de la Torre, o pasado 23 de novembro, cando anunciou a súa dimisión (Foto: Marta Vázquez Rodríguez / Europa Press).
photo_camera Eva García de la Torre, o pasado 23 de novembro, cando anunciou a súa dimisión (Foto: Marta Vázquez Rodríguez / Europa Press).

A ex alcaldesa socialista do Porriño, Eva García de la Torre, faleceu nas últimas horas logo de sufrir un infarto, segundo confirmaron fontes próximas á que foi rexedora desta localidade até o finais de 2021.

García de la Torre, de 59 anos de idade e natural de Sevilla, morreu no hospital Álvaro Cunqueiro (Vigo), onde fora trasladada após sentirse indisposta e onde xa entrara en parada cardiorespiratoria. O persoal sanitario non puido facer nada para salvar a súa vida.

A concelleira do grupo socialista, que tiña dous fillos, ostentou a alcaldía do Porriño desde xuño de 2015 até decembro do ano pasado, cando presentou a súa dimisión para evitar unha moción de censura que lle dese o poder ao PP.

O seu xesto, finalmente, non impediu a investidura do 'popular' Manuel Alejandro Lorenzo, xa que a candidatura da socialista Lourdes Moure non conseguiu os apoios suficientes —polo voto discordante do concelleiro de Unión Democrática da Louriña, Manuel Carreira— para que a esquerda mantivese o goberno do Porriño.

O PSOE de Pontevedra, así como a agrupación socialista do Porriño trasladaron a súa "consternación" polo falecemento da ex rexedora. Así, o secretario provincial do partido, David Regades, recoñeceu que os socialistas están "en estado de shock" polo repentino desta perda.

Pola súa parte, o alcalde vén de convocar un pleno extraordinario para decretar tres días de loito na vila, crespóns negros e bandeiras a media hasta.

Segundo trasladou Alejandro Lorenzo á axencia Europa Press, o Concello ponse a disposición da familia para canto precise, e ofrece as dependencias municipais para a instalación da capela ardente.

Comentarios