PP do Porriño acepta as peticións de EU-Son para a moción de censura

Eu-Son prevé convocar para o vindeiro domingo a asemblea na que levará a votación o apoio á moción de censura.

EuropaPress_3999191_portavoz_popular_porrino_alejandro_lorenzo_rueda_prensa
photo_camera Alejandro Lorenzo, portavoz do PP no Porriño. (Foto:Europa Press)

O grupo municipal do PP no Porriño acordou aceptar "os compromisos expostos e solicitados" por  EU-Son a para apoiar unha eventual moción de censura que sacaría a alcaldía á socialista Eva García de la Torre, e subliñou que, ante a "situación excepcional" do Concello polas supostas "irregularidades" da actual rexedora, debe primar "o interese público".

Segundo trasladaron a Europa Press fontes do PP porriñés, o grupo municipal reuniuse a última hora desta segunda feira e acordou aceptar esas peticións de  EU-Son, entre as que destacou, por considerala "prioritaria" e porque tamén está recollida no seu programa electoral, a necesidade de facer unha auditoría que reflicta fielmente a situación financeira do Concello. "E máis tendo facturas irregulares dos anos 2016 ao 2020 por importe de 5 millóns de euros", engadiron.

Respecto diso, apuntaron que a alcaldesa está a ser investigada xudicialmente por esas supostas irregularidades e que os propios xulgados e outros órganos, como o  Consello de Contas de Galiza, reflicten esa "situación económica irregular".

EU-Son foi a candidatura municipalista impulsada por Esquerda Unida, mais a organización desmárcase da moción no Porriño

Ademais, engadiron desde o PP, ese estudo detallado das contas municipais permitirá deseñar e elaborar uns orzamentos municipais (no Porriño están prorrogados os de 2018), outro dos compromisos reclamados por  EU-Son.

"En toda esta situación sempre debe primar o interese público e pensar no Porriño, despois no Porriño e finalmente no Porriño. Non se trata de buscar cambios, senón de buscar solucións #ante a falta de xestión, falta de servizos, falta de proxectos que toda a cidadanía de Porriño demanda. Pase o que pase, isto será o mais importante", concluíron.

Así as cousas, todo apunta a que a moción de censura neste municipio será inevitábel, e que de nada serviu a oferta da alcaldesa de deixar o seu cargo (aínda que non a súa acta de concelleira) para facilitar un acordo e impedir un Goberno do PP no Porriño.

EU-Son reclamou que Eva García de la Torre deixe o consistorio porriñés e rexeitou negociar co PSOE se non se cumpre esta premisa. Igualmente, rexeitou establecer un diálogo tras os "insultos" do grupo socialista e da alcaldesa, e prevé convocar para o vindeiro domingo a asemblea na que levará a votación o apoio á moción de censura.

Comentarios