Exixen a demisión "inmediata" do goberno do PP en Santiago, un concello sitiado pola corrupción

Comparecen en Lugo as persoas detidas a pasada quinta feira en Santiago de Compostela. A situación que vive o Concello após as imputacións de boa parte da equipa municipal, deixa a administración local nunha fonda crise de goberno onde o alcalde (imputado) mesmo asume as competencias do concelleiro detido. O BNG exixe a demisión da equipa de goberno "de maneira inmediata" e "na súa totalidade".
Conde Roa e Núñez Feijóo
photo_camera Conde Roa e Núñez Feijóo

Esta mañá daban comezo as declaracións das cinco persoas detidas a pasada quinta feira en Compostela por orde da xuíza titular da instrución, Pilar de Lara. Malia a que as investigacións xorden da operación Pokemon o proceso bifúrcase a enceta unha outra 'manga' --nome que a policía española outorgou ao caso-- que afecta a novas empresas vencelladas con procesos de contratación irregulares.

"É evidente que hoxe non hai goberno en Santiago", asevera o voceiro municipal do BNG, Rubén Cela. @s nacionalistas consideraron após facérense públicas as imputacións e detencións do concelleiro de Seguranza, Albino Vázquez; do ex-asesor de Gerardo Conde Roa, Ángel Espadas; do xerente da empresa Acuagest e máis dun funcionario que "a dirección do PP non pode seguir coma se en Santiago non pasase nada".

Rubén Cela: "Feijóo é responsábel" de que os causantes "da vergoña colectiva da cidade sigan nos seus postos

Neste senso, malia a que Alberto Núñez Feijóo recoñecía en comparecencia de imprensa que o que acontece no concello "non é normal", o certo é que non adoptou ningunha decisión ao respecto en tanto que presidente do Partido Popular en Galiza --como tampouco o fixo co procesamento de delegado territorial da Xunta en Ourense. “Feijóo é responsábel" de que os causantes "da vergoña colectiva da cidade sigan nos seus postos como se nada pasase”, considerou o voceiro nacionalista en comparecencia de imprensa esta sexta feira. 

"Varrer co peor goberno" da cidade 

O BNG urxe a demisión do "goberno do PP na súa totalidade". Rubén Cela asegurou que perante "unha situación tan extrema" debería ser a veciñanza a que tomase a palabra cunha convocatoria electoral porén, subliñou "parece ser que no actual marco legal iso non é posíbel". Neste senso, emprazou a "reconsiderar" no debate sob a reforma da administración local a mudanza desta eiva lexislativa. No entanto, exixiu a demisión da equipa de goberno "na súa totalidade". 

"Teñen que marchar todas e todos os concelleiros e concelleiras do grupo de Goberno do PP, porque non está lexitimado para continuar ao demostrar que non está capacitado para gobernar a capital de Galiza”, aseverou con rotundidade o nacionalista quen responsabiliza a Alberto Núñez Feijóo do mantemento do que considerou unha "situación insostíbel". Perante as declaracións que a pasada quinta feira facía o presidente da Xunta --nas que aseguraba que "alguén" debería "pedir desculpas concretas"-- Rubén Cela denunciou que "non é tempo de explicacións nin de desculpas, é tempo de varrer o peor Goberno da historia desta cidade". 

Comentarios