O Executivo de Compostela remite á Xunta a proposta para mellorar a mobilidade e integración urbana do CHUS

Sanmartín destaca as propostas "serias e viábeis".
A alcaldesa da capital galega, a nacionalista Goretti Sanmartín. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A alcaldesa da capital galega, a nacionalista Goretti Sanmartín. (Foto: Nós Diario)

O Concello de Santiago de Compostela remitiu esta terza feira a súa proposta de colaboración á Xunta da Galiza para actuar na mobilidade e integración urbana do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS)

O documento, segundo a alcaldesa da capital, Goretti Sanmartín, propón actuacións "serias e viábeis" e "non un debate sobre quen se fai cargo dos custos". As propostas do Concello pretenden "transformar as debilidades en oportunidades" e ter vixencia a "curto prazo, mais tamén a medio e longo prazo".

O Goberno local rebateu o estudo de mobilidade presentado pola Xunta o pasado outubro, no cal o Goberno galego apelaba o Concello para mellorar as liñas de conectividade de transporte urbano. Segundo o concelleiro de Mobilidade, Xan Duro, existen actualmente oito liñas que inclúen o CHUS no seu percorrido, que agora serán ampliadas.

Aparcadoiro

Ademais, o Executivo local ten ao dispor da Xunta unha parcela próxima ao CHUS na que se podería construír un aparcadoiro en altura de até 560 prazas. A proposta supón a cesión do terreo ao Goberno galego, que debería licitar o concurso público.

Comentarios