18-F

A Executiva do PSOE asume os "malos" resultados "sen paliativos" e chama á "reflexión"

"Non hai cambio na Galiza que non pase por ter un PSOE forte", afirma a alcaldesa da Coruña, Inés Rei.
Reunión da Executiva do PSOE. (Foto: Fernando Sánchez / Europa Press)
photo_camera Reunión da Executiva do PSOE. (Foto: Fernando Sánchez / Europa Press)

O PSOE asume os "malos" resultados na Galiza "sen paliativos", tras sufrir o seu peor resultado histórico nas eleccións galegas ao conseguir só nove escanos, cinco menos que nos anteriores comicios de 2020, pero as socialistas aseguran "entender" a mensaxe das urnas e din que se van centrar en "reflexionar" e "traballar".

"É un resultado malo, sen paliativos", sentenciaba a alcaldesa da Coruña, Inés Rei, á súa chegada á reunión da Executiva Federal na sede madrileña de Ferraz. Rei insistiu en que desde o PSOE entenderon a mensaxe e di que o que toca agora é "traballar". "Non hai cambio na Galiza que non pase por ter un PSOE forte", remarcou.

Na mesma liña mostrouse o ministro de Industria e Comercio, Jordi Hereu, quen incidiu na "reflexión". "Hai que reflexionar sobre como ir gañando un bo proxecto", apuntou. Hereu tamén se dirixiu ao líder do PP na Galiza e presidente da Xunta, Alfonso Rueda, ao que felicitou polos resultados e desexou o mellor para o país.

As socialistas sabían que estas eleccións eran chave para o líder do PP, Alberto Núñez Feixoo, que se xogaba boa parte do seu crédito como líder dos populares nun territorio, Galiza, no que el mesmo arrasara na última década, con catro maiorías absolutas seguidas. Con todo, os malos resultados do PSdeG e a maioría absoluta do PP, con 40 escanos, fixo imposíbel o cambio para desbancar o PP da Xunta.

Comentarios