Euskadi: o PNV continúa co piloto automático de vitorias posto e EH Bildu aumenta en número de votos, edís e alcaldes

As candidaturas do partido jelkide son as máis votadas en 115 concellos do País Vasco e as de EH Bildu en 89. Nas Europeas a lista máis votada foi a do PNV (34%), seguida da de Agora Repúblicas, con 22%.

PNV

O PNV gañou as eleccións deste domingo en Euskadi, tanto as municipais como as europeas. O Partido Nacionalista Vasco é o máis votado tamén nas tres capitais: Bilbo, Donostia e Gasteiz, nas que mellora os resultados que obtivo en 2015. Logrou este domingo en País Vasco 36% dos votos, sendo o máis votado en 115 municipios.  

EH Bildu incrementou os seus resultados a respecto de hai catro anos e atinxe 25% dos sufraxios, un de cada catro votos. A esquerda abertzale é a máis votada en 89 concellos, 11 municipios máis que en 2015. Aumenta presenza en concellos tradicionais (Hernani, por exemplo) e entra en novos.

No conxunto de Euskal Herria a forza que gañou en máis concellos é EH Bildu, que foi a máis votada en 126 municipios, 37 deles en Nafarroa  

O PSOE  é a lista con máis sufraxios en 10 concellos de Euskadi. No conxunto das tres provincias vascas logrou 16% dos votos, 2 puntos máis que hai catro anos. Podemos atinxe 7% dos sufraxios e non gaña en ningún municipio, mentres que PP, con 5,8%, éo en dous concellos. Ciudadanos non logra nin un edil.

Nafarroa

Nafarroa ensombrece os resultados do nacionalismo e independentismo en Euskal Herria. A coalición de dereitas españolas Navarra Suma (UPN, PP e Ciudadanos) tivo 30,5% dos votos e gaña en 29 municipios, entre eles Iruña (Pamplona). Eh Bildu, con 20% dos sufraxios, é a máis votada en 37 concellos. O PSOE éo en 17 e Geroa Bai en 2.

Porén, nin o goberno foral de Nafarroa nin o Concello de Iruña repetirán ‘goberno do cambio’ (coalición entre nacionalistas vascos, independentistas e nova esquerda). Os resultados deixan a decisión en mans dun PSOE que xa anunciou que nunca apoiará nada no que estea a esquerda abertzale, o que abriría a porta a que a dereita española goberne ambas as dúas institucións: goberno foral e concello.

Comentarios