Xunto coa eurodeputada da formación nacionalista, comparecerá na Eurocámara unha delegación formada por integrantes das plataformas en Defensa da Ría de Vigo-Serxio Regueira, presidente- e da Confraría da Coruña-Felipe Canosa, patrón maior- así como a Concelleira da Coruña Avia Veira, o Concelleiro de Culleredo Antonio Chouciño, Francisco Jorquera polo BNG da Coruña e Xabier Pérez Igrexas polo BNG de Vigo.
"O tratamento e a calidade da auga é unha das nosas prioridades políticas e debemos esixir o saneamento integral das nosas rías, dada a súa importancia para o sector pesqueiro, marisqueiro, para o medio ambiente e o turismo", explica Miranda.
A comparecencia na Comisión de Peticións de Bruxelas é resultado dunha investigación realizada por unha delegación do Parlamento Europeo en Galiza en febreiro do 2013.
O informe desta visita será estudado de novo na eurocámara após negociacións do BNG. "Que este tema volva á Comisión de Peticións, -cos votos en contra do PP-, é unha oportunidade de corrixir aquilo que o Partido Popular non fixo durante estes cinco anos ao respecto do saneamento integral das rías", subliña Miranda a propósito do insuficiente investimento por parte dos gobernos estatal e autonómico.
Actualmente a ría de Vigo non ten asignada ningunha consignación económica. Os aliviadoiros que existen son os mesmos que hai anos polo que a contaminación e os vertidos seguen a existir, explicou a eurodeputada.
En canto á ría do Burgo, a actividade económica e os postos de traballo descenderon drásticamente nos últimos anos debido á deficiente calidade da auga, din dende a formación nacionalista.
A delegación completa participará após da Comisión nunha reunión con eurodeputados do Grupo Verdes-Alianza Libre Europea-Ale, do que forma parte o BNG. Tamén, a terza feira 22 de xaneiro realizarán unha rolda de prensa no Parlamento Europeo.