Entra en vigor a Lei do litoral sen os medios para a súa execución

A norma foi aprobada co apoio en solitario do PP.
Faro de cabo Home, ao fondo o monte do Facho de Donón, na Costa da Vela (Foto: Nós Diario).
photo_camera Faro de cabo Home, ao fondo o monte do Facho de Donón, na Costa da Vela (Foto: Nós Diario).

A Lei de ordenación e xestión integral do litoral da Galiza , impulsada pola Consellaría de Medio Ambiente que dirixe Ángeles Vázquez, entrou onte en vigor coa súa publicación no DOG e após ser aprobada o 4 de xullo no Parlamento galego cos únicos votos favorábeis do PP e a abstención do BNG e o PSdeG.

A Xunta da Galiza defendeu onte nun comunicado a entrada en vigor desta lei para "garantir o equilibrio entre a biodiversidade e a función social da costa". A normativa, insiste, "protexe e garante o futuro da Galiza, ademais de supor a xestión desde a Comunidade desta materia e seguridade xurídica para o noso litoral".

A lei para o PP supón "asumir novas cotas de autogoberno", mentres que a oposición ve na mesma máis "electoralismo" que "efectividade" e advirte que, sen os medios e servizos necesarios para desenvolver a competencia e que están en mans do Estado, a lei é unha "oportunidade perdida".

Os medios e servizos para poder exercer a competencia sobre litoral están en mans do Estado e sen a súa transferencia a Galiza a nova norma está "baleira", denunciaron no debate parlamentar nacionalistas e socialistas.

De feito, unha proposición do BNG pedindo en xuño o traspaso desas ferramentas necesarias para desenvolver a competencia do litoral foi vetada polo PP.

O propio informe do Consello Consultivo da Galiza sobre a norma advertía no seu día de que sen eses "medios e servizos" non se podía exercer "competencia plena" sobre o litoral. A lei recibiu en exposición pública 84 alegacións procedentes da Administración estatal e local, as tres universidades, a Federación Galega de Municipios e Provincias, a patronal, confrarías, asociacións da cadea mar-industria, organizacións ecoloxistas, así como cidadáns particulares.

Comentarios