Parlamento

A Lei do Litoral chega a Pleno co único apoio do PP

A oposición lamenta que o Goberno galego impulse un proxecto "con vocación de papel mollado".
Debate esta segunda feira en comisión da ponencia da Lei do litoral. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Debate esta segunda feira en comisión da ponencia da Lei do litoral. (Foto: Nós Diario)

O Proxecto de Lei de ordenación e xestión integrada do litoral da Galiza chega a pleno co apoio en solitario do PP, o único grupo parlamentario que votou esta segunda feira en comisión a prol do ditame desta lei elaborado pola ponencia. O BNG e o PSdeG abstivéronse, criticando tanto a nula vontade do Partido Popular de negociar e dialogar como polo feito de que este proxecto naza, en palabras da deputada nacionalista Alexandra Fernández, "con vocación de ser papel mollado".

O PP defendeu que a lei que impulsa da Xunta da Galiza procura "desenvolver unha competencia que está no Estatuto" para poder "xestionar a nosa costa". "Estamos a reforzar o noso Goberno", manifestou José Alberto Pazos Couñago (PP) no debate do ditame. Nin nacionalistas nin socialistas acreditaron nos argumentos do PP. Ambos os dous lembraron que ao longo destes 14 anos o Goberno galego non logrou nin unha soa competencia para a Galiza.

Fernández (BNG) lamentou que o PP só aceptase unha de cada catro emendas presentadas polo BNG ao proxecto de lei —presentou un total de 85—, e que as admitidas corren o risco, "como as admitidas noutras leis", de "ficar esquecidas nun caixón", sen se executar.

Traspaso necesario

A deputada nacionalista, ademais, incidiu en que a Lei que presenta a Xunta precisa que se transfiran os servizos e medios de xestión necesarios e que actualmente son competencia do Estado para poder cumprir a competencia recollida no Estatuto sobre ordenación do litoral.

"E a nosa proposta para que se transfiran eses medios a Galiza tivo en contra os votos do PP", lembrou Alexandra Fernández. De aí, sentenciou, que o proxecto de Lei que impulsa o Goberno galego "vaia ficar en papel mollado". Pola súa parte, Patricia Otero (PSdeG), cargou contra o PP e a Xunta por querer aprobar esta lei "pola porta de atrás".

"As súas intencións non son protexer o litoral ou dar seguridade xurídica á cadea mar-industria", afirmou a deputada socialista, "o que pretenden é confrontar co Goberno estatal" pola xestión da costa. Otero acusou o grupo maioritario na Cámara de "furtar o debate" ao redor dunha lei que se ben o PSdeG apoiou nun inicio agora négalle o respaldo parlamentario. "Pediamos tramitar o proxecto con calma e mais con todas as garantías, con debate entre os grupos; e o PP fixo o contrario", concluíu.

Comentarios