Ence, Finsa, Coren, Estrella Galicia ou a Xunta carecen de Plan de Igualdade

Só 25% das empresas de máis de 50 traballadores na Galiza cumpren este requisito, indica o BNG.
O complexo industrial de Ence, en Lourizán, na Ría de Pontevedra. (Foto: Europa Press)
photo_camera O complexo industrial de Ence, en Lourizán, na Ría de Pontevedra. (Foto: Europa Press)

Ence, Coren, Finsa, Frigolouro, Hijos de Rivera (Estrella Galicia), Bimba & Lola ou Dalpfhi Metal son algunhas das empresas na Galiza que teñen máis de 50 traballadores e traballadoras e que carecen de Plan de Igualdade, "incumprindo así o Real decreto lei do ano 2019, de medidas urxentes para garantir a igualdade de trato e oportunidade entre homes e mulleres no emprego". Así o denunciou onte no Parlamento galego a deputada nacionalista Carmela González, que lamentou que mesmo institucións como o Parlamento galego ou a Xunta da Galiza carezan tamén deste plan.

A través dunha pregunta parlamentaria formulada ao Goberno galego por González sobre a implantación do plan de igualdade en empresas con máis de cincuenta persoas empregadas, a directora xeral  de Relacións Laborais, Elena Montero "confirmou ao BNG que ao redor de 75% das empresas carecen deste plan".

Para a deputada nacionalista resulta  “chamativo” que na actualidade empresas desa categoría “obrigadas” a contar co Plan de Igualdade  incumpran  o Real decreto e mostrou a súa confianza en que as mesas de traballo que  continúan abertas para elaborar os plans, "pronto poidan finalizalo".

Liña vermella

Carmela González insistiu que as  grandes empresas  contan con persoal asesor e equipos legais que poden facilitar a elaboración e posta en marcha do Plan de Igualdade. "Sabemos", advertiu  que “tardaremos un pouco en implantalos nas empresas pequenas por dificultades intrínsecas” mais urxe marcar “unha liña vermella” para obrigar as empresas con capacidade.

A deputada do BNG transmitiu á directora xeral de Relacións laborais a benvida de todas as medidas que enunciou destinadas a conseguir unha verdadeira igualdade entre homes e mulleres pero cominou a membro do goberno a seguir traballando para acadar a posta en marcha do Plan de Igualdade nas empresas, e naquelas que non reaccionen, sentenciou, “deberán recibir un aviso e se non responden ao requirimento, unha sanción”, concluíu.

Comentarios