Opinión

Sobre igualdade e mulleres

Norberto Bobbio, mestre de Filosofía Política e Xurídica recoñecido no mundo occidental, escribe L´età dei diritti. Sostén que neste tempo "as mulleres protagonizan unha lenta revolución pacífica (a única revolución pacífica da historia) cara a igualdade dos sexos" e define o principio de igualdade como "a eliminación das discriminacións". Noutro texto de gran repercusión, Destra e sinistra, afirma que a esquerda loita pola igualdade e a dereita defende a desigualdade. E di: "Nunca como neste tempo se cuestionan as tres fontes principais da desigualdade, a clase, a raza e o sexo". Confirma "a gradual equiparación das mulleres aos homes, tanto na familia como na sociedade civil e política é sinal do imparábel camiño do xénero humano á igualdade". Unha igualdade respectuosa coa diversidade. O camiño das mulleres pola conquista da súa soberanía é moi longo. Debemos ao feminismo a toma de conciencia en ámbitos do poder que pasaban desapercibidos. O feminismo é político. Debemos a Carol Hanisch e Kate Millett nos 70 (terceira vaga feminista se tomamos a Ilustración como primeira) o lema "o persoal é político". A ilustración consagra a división sexual do traballo, sitúa as mulleres na natureza e aos homes no público. O lema cuestiona esta división, sinala a obriga de visibilizar e politizar as relacións do espazo "privado", reclama racionalizar as relacións "persoais". Así visibilizamos o problema da "violencia doméstica" e da conciliación das tarefas.

Desde o existencialismo Simone Beauvoir sostén "as mulleres non nacen, chegan a ser". É a reivindicación da igualdade de oportunidades para realizarse. A loita por unha igualdade social, económica e política require outra forma de organización social. A organización social capitalista é a que estruturalmente articulou o patriarcalismo. O sistema occidental colonialista e escravista nos s. XVIII e XIX é o que produce esta igualdade legalista e formal que pretende impoñerse como modelo ás mulleres de África, Asia, América.

Os feminismos son movementos sociais emancipadores das mulleres consideradas individuos, e deben loitar elas mesmas como suxeitos activos contra as discriminacións e superalas. Só así podemos falar de igualdade e liberdade.

Comentarios