Osíxeno da imprensa amiga para Rajoy

A Moncloa mantén os seus baluartes defensivos e non dá ningunha batalla por perdida. Poderá avanzar Rivera na carreira demoscópica, mais as terminais mediáticas monclovitas non asisten impávidas ao desfile. Contra-atacan.

Mariano Rajoy_PP
photo_camera Rajoy, nun acto do PP

La Voz de Galicia, rotativo basicamente pro-feijoniano, contribúe esta cuarta feira a alimentar as opcións de resistencia de Rajoy. Contradición estar á vez cos inquilinos de Monte Pío e A Moncloa? Non necesariamente: úneos un inimigo común, o avanzo das divisións de Rivera, que é quen máis tallada está a tirar ao conflito catalán. En todo caso, La Voz publica esta cuarta un texto que nen feito polo gabinete de comunicación de Génova: "Unha semana magnífica de Rajoy", titula na capa on line. "Após un mes treboento, o chefe do Executivo acorralou Puigdemont e recupera a iniciativa perante Ciudadanos", engade.

Rajoy voltaría a estar en forma, argumenta o diario de Sabón, porque tería conseguido dividir o bloco soberanista, abalado agora por unha forte crise intrapartidaria entre os lexitimistas de Puigdemont e os pragmáticos de Junqueras. Naturalmente no texto non se fai a menor alusión ás abafantes presións da Moncloa sobre o Tribunal Constitucional para aquelar un ditame ad hoc sobre a investidura do líder de Junts per Catalunya, unha intolerábel intromisión na autonomía do poder xudicial.

E mentres tanto, Salvador Sostres, comentarista de cabeceira da caverna, rende tamén tributo a Rajoy nas columnas do monárquico ABC: "A convivencia é plena e tranquila en Catalunya, o 155 foi un bálsamo para as feridas, a súa aplicación foi tan discreta como efectiva e até aos independentistas tenlles mellorado a calidade de vida".

En todo caso, non todo van ser ditirambos e louvanzas, así que Sostres se coida tamén de enviar un recado á Moncloa: o Goberno debe deixar de lle facer tanto caso a Jiménez Losantos, o campión da imprensa troglodítica. Aínda hai clases e, desde logo, a caverna tamén ten os seus clanes familiares a pelexar polos favores do chefe. Eis a frase: "O presidente Rajoy e o Goberno teñen o control efectivo de Catalunya, e cando deixen de sobre-reaccionar polas parvadas de Puigdemont e os seus rapaces e pola verborrea federica, contra a que terían xa que estar curtidos, hanse decatar de que ao final de calquera combate de boxeo hai un que baila, que é o que gañou, e son eles". Verborrea federica é naturalmente alusión a Federico Jiménez Losantos, recente entrevistador de Alberto Núñez Feijóo.

Comentarios