Plan de emprego, novo financiamento e o dereito a decidir, prpostas do BNG no deabte do estado da Nación

Xavier Vence apela a “un compromiso de todos para sacar a este país do pozo ao que o levaron as políticas do PP” e incide na necesidade dun "gran polo nacionalista de esquerdas".

O BNG levará ao debate do estado da nación que comeza esta taerza feira tres propostas principais para acadar un acordo co resto de grupos parlamentares: Plan de emprego no sector público e privado, novo modelo de financiamento que camiñe cara a a autonomía fiscal plena e fixar unha posición de país no debate territorial que blinde as competencias actuais e permita avanzar no autogoberno.

O portavoz nacional nacionalista, Xavier Vence, confía “nun compromiso de todos” para impulsar un plan de emprego que, no sector público inclúa “eliminar as taxas de reposición, o que permitiría non só crear postos de traballo senón tamén garantir a calidade dos servizos públicos”. No eido privado, explicou,a creación de emprego pasa por impulsar os sectores produtivos. “Hai que recuperar o investimento e a demanda, e para iso hai que crear emprego e aumentar salarios”.

“Debemos ter a valentía de recoñecer no Parlamento un dereito democrático dos pobos como é o dereito a decidir, que ademais está sendo obxecto de debate social”, explicou Vence.

Xavier Vence cualificou de “inxusto e incrementa as desigualdades” o actual modelo de financiamento. Botou man dos datos da balanza fiscal de 2011 para indicar que Galiza achegou 1.322 millóns de euros máis dos que recibiu do Estado malia ter un nivel de renda inferior á media. De aí que o BNG apoeste por sacar adiante un pacto na Cámara que garanta a “xustiza” do futuro modelo ante a inminente reforma fiscal e financeira.

“Fixar unha posición de país”

Como terceira proposta, o BNG levará a consideración da Cámara o actual debate territorial no que Galiza “precisa fixar unha posición de país para non quedar detrás de Euskadi e Catalunya, coas que comparte o status institucional de nacionalidades históricas”. Neste sentido, adiantou Vence, pedirá un pronunciamento a favor de máis autogoberno e soberanía e a favor do dereito a decidir.

O Bloque tamén formulará unha reforma administrativa “en profundidade” que permita “reducir gasto inútil”, que inclúe a supresión das deputacións. “Isto si suporía un aforro e non a intención do PP de recortar a calidade da nosa democracia recortando a principal institución do país como é o Parlamento”.

Galiza “precisa un gran polo nacionalista de esquerdas para defender os intereses do país”

“Aglutinar e sumar forzas”

Vence recoñeceu, a preguntas dos medios, que unha “excesiva” fragmentación da esquerda e do nacionalismo non favorece á derrota electoral do PP e subliñou os esforzos do BNG “por aglutinar e sumar forzas” desde o convencemento de que Galiza “precisa un gran polo nacionalista de esquerdas para defender os intereses do país” aquí, en Madrid e en Europa e tamén “para derrotar ao PP”.

Igualmente, reiterou a condena sen paliativos do Bloque a todo tipo violencia. “Neste país non debe haber sitio para a violencia”, concluíu.

Comentarios