O embaixador israelita di que o Parlamento galego favorece "a desaparición de Israel''

A Cámara galega aprobara por unanimidade unha declaración institucional en apoio do pobo palestino. O embaixador israelita en Madrid considera que con ese acto o Parlamento ponse a carón dos ''máis extremistas inimigos de Israel''. Algo que, mediante carta, o embaixador denuncia ante Pilar Rojo e mesmo ante Dolores de Cospedal.

Alon Bar
photo_camera Alon Bar

Pedro Puy, Alfonso Rueda e Núñez Feijóo están do lado dos “máis extremistas inimigos de Israel”. Paula Prado e Pilar Rojo únense os peores inimigos” que queren a fin do Estado sionista. Non falemos xa dos e das deputadas do BNG, PSdeG ou AGE, “favorecendo posturas de desaparición de Israel”. Para Tel-Aviv, e así o proclamou por boca do seu embaixador no Estado español, o Parlamento galego situouse no bando inimigo de Israel ao aprobar unha declaración institucional de apoio ao pobo palestino.

Alon Bar, embaixador de Israel en Madrid, remitiu unha carta á presidenta do parlamento de Galiza (e tamén aos portavoces de PPdeG, PSdeG e mesmo a Dolores de Cospedal) para mostrar a “sorpresa” por esta declaración institucional. Entende que supón que Galiza fica á marxe da posición tanto da UE como da historicamente mantida polo Estado español. Ademais, entorpece os pasos dun avance para unha “verdadeira” paz e, por riba, ponse do bando dos “inimigos” de Israel. Mais non de calquera 'inimigo' senón dos, afirma Alon Bar, os máis extremistas.

Actos no aniversario da Nakba 

A denunciado embaixador de Israel coincide coa conmemoración en diversas localidades de actos reivindicativos con motivo do 66 aniversario do Día da Nakba Palestina, a data na que o pobo tivo que deixar as súas terras pola ocupación de Israel. O 14 de maio, ás 19.30 no Grándola Compostela, Mar de lumes organiza un acto público con proxección de documentais, música e petiscos palestinianos. No acto intervirán, representando a BDS-Galiza Mohamed Safa e Elvira Souto.

Para o 15 de maio, organizado polo Festival das Brétemas de Ponteareas,desenvolverase a conmemoración coa proxección dos filmes Columpio e Salma Cuenta xunto cunha charla con representantes de BDS na que se abordarán, entre outros temas o intrusismo sionista na educación.

Declaración

No documento aprobado polo Parlamento de Galiza reclamábase da comunidade internacional que esixa a Israel o cumprimento das resolucións das Nacións Unidas e o respecto absoluto dos dereitos humanos e colectivos do pobo palestino. A declaración institucional contempla tamén o recoñecemento do dereito ao retorno das persoas e comunidades ás casas e terras de que foron expulsadas. 

“Manifestamos o noso máis firme compromiso cos dereitos inalienábeis da persoa, coa liberdade e co máis pleno respecto á dignidade humana”, sinálase nun dos distintos puntos do documento que será rubricado por todos os grupos parlamentares no que tamén se explicita un compromiso activo por parte do Parlamento á hora de non escatimar  “esforzos en contribuír desde Galicia a construír unha rede internacional xusta baixo o respaldo da legalidade internacional, un mundo no que a forza fique sempre sometida ao dereito”- 

Comentarios