Lugo

Elena Candia 'ficha' o ex edil socialista Miguel Couto, que dimitiu en 2021

"Que ninguén vexa neste paso nin vinganza, nin traizón, nin revanchismo", di Couto.
De esquerda a dereita, Elena Candia, Ramón Cabarcos, Manuel Cortón e Miguel Couto. (Foto: Europa Press)
photo_camera De esquerda a dereita, Elena Candia, Ramón Cabarcos, Manuel Cortón e Miguel Couto. (Foto: Europa Press)

A candidata do PP á Alcaldía de Lugo nas eleccións do vindeiro 28 de maio, Elena Candia, revelou esta segunda feira os nomes 'chave' do seu equipo en materia de urbanismo, entre os que situou Miguel Couto, que fora concelleiro desta área coa socialista Lara Méndez no Concello até a súa dimisión en marzo de 2021. Cando deu o paso, Couto alegou motivos persoais, malia que no ámbito local transcenderan varios conflitos e dificultades na xestión da súa área.

En rolda de prensa, Candia avanzou que se gaña o 28-M e logra o goberno da cidade, encomendará a Couto —cuxo papel será fundamentalmente dar "apoio técnico", mais non irá na candidatura— a xestión de Evislusa, empresa municipal para desenvolvemento de solo e vivenda. Alén de Couto, a 'popular' anunciou que integrará tamén no seu equipo de urbanismo os arquitectos Ramón Cabarcos e Manuel Cortón, quen si irán na súa candidatura.

"Que ninguén vexa neste paso nin vinganza, nin traizón, nin revanchismo", manifestou, pola súa parte, o propio Couto, quen asegurou que se presenta "por Lugo", e que ve en Evislusa "unha oportunidade de enriquecemento persoal e profesional", porque se trata dunha "gran ferramenta" que agora considera "infrautilizada". Couto apelou á necesidade de xestionar "con axilidade" e de dar "resposta a situacións hai que xestionar con axilidade, dar resposta a situacións anómalas en varias urbanizacións na cidade".

A candidata popular destacou o "valente paso á fronte" que dá o ex edil para "retomar uns traballos que non foi capaz de desenvolver no mandato que está a piques de acabar". Nesa liña, subliñou que "a súa contribución desde un perfil técnico e a experiencia que acumula serán decisivas para poder mirar xa cara a un novo modelo de planificación urbanística".

Acompañada das súas 'fichaxes', Candia situou a "parálise" no ámbito urbanístico entre os principais problemas aos que se enfronta a cidade e reivindicou unha administración "colaboradora e áxil" que facilite pasos adiante no ámbito do investimento.

Tamén reivindicou a experiencia e o perfil de Cabarcos e Cortón. Do primeiro, dixo que "é unha das persoas que ten unha visión máis global sobre as oportunidades que presenta esta contorna", á vez que subliñou a súa "decidida contribución" no campo cultural á fronte da Escola Superior de Arte e Deseño Ramón Falcón.

A respecto de Manuel Cortón, manifestou que "a súa experiencia como arquitecto municipal en Lugo, durante 16 anos en dúas diferentes etapas, é unha garantía do dominio e da experiencia á hora de resolver cuestións técnicas do día a día dos veciños".

Comentarios