luns 18/10/21

Duras críticas de Nós, En Marea e PSdeG a Ciudadanos por eliminar o tipo penal da violencia machista

As candidatas de Nós, En Marea e PSdeG consideran moi preocupante a proposta de Ciudadanos de equiparar a violencia doméstica á de xénero e, consecuentemente, de eliminar o tratamento penal específico para a violencia machista.


“É tan grave que un fillo vexa como seu o pai mata a súa nai como que vexa a súa nai mata o seu pai”. Declaracións como esta da número 3 de Ciudadanos por Madrid, a escritora galega Marta Rivera de la Cruz, durante un debate a nove en TVE, provocaron duras críticas das candidatas de Nós, En Marea e PSdeG. Rivera de la Cruz defendeu que o xénero non é importante na valoración da violencia machista, equiparando esta coa violencia doméstica, que suporía a eliminación do agravante penal específico.

Carme Adán (Nós): “Estou aterrada"

“Estou aterrada cando escoito que Ciudadanos nega a violencia de xénero. Foi un logro de todas as mulleres que se visibilizara a violencia machista e por iso cremos que hai que dar un paso máis, que non chega co estatuto de vítima do delito que se aprobou recentemente. As mulleres son asasinadas polo feito de ser mulleres”, considera a cabeza de lista de Nós por Pontevedra, Carme Adán.

Pilar Cancela (PSdeG): "É unha barbaridade democrática”

Para Pilar Cancela, cabeza de lista do PsdG pola Coruña, a proposta de Ciudadanos é “unha barbaridade democrática” e sinala que a súa forza “está nas antípodas” desas posicións. Cancela afirmou durante un acto en Fórum Europa en Compostela que con medidas como esas “Rivera se retrata cada vez máis”.

Yolanda Díaz (En Marea): "Grave e non casual"

Así o define a número dous pola Coruña de En Marea, Yolanda Díaz, que se manifestou “preocupada non, o seguinte”. Díaz censurou tamén as declaracións da portavoz de Ciudadanos en Cataluña, Inés Arrimadas, que dixo despois da polémica que a proposta de quitar o agravante penal por violencia machista “ten matices”.

Isabel Cendán (C's): "Hai mulleres maltratadas que, a miúdo, morren”

Mesmas críticas recibiu a número 1 de de Ciudadanos por Lugo, Isabel Cendán, que no debate entre cabezas de lista por Lugo en Vtelevisión afirmou que hai mulleres maltratadas que, a miúdo, morren”.

Rivera de la Cruz: "Quizais non tiña que ter falado"

Pola súa banda, a número 3 de Ciudadanos por Madrid recibiu o apoio do seu líder Albert Rivera e dixo non querer “entrar ao trapo” sobre a polémica pero que “quizais non tiña que ter falado”, en declaracións para esRadio.  

A proposta, no programa de Ciudadanos

Porén, a proposta lanzada pola candidata de Ciudadanos está incluída no programa da formación laranxa. “En Ciudadanos pensamos que a lei actual contra a violencia de xénero e intrafamiliar debe ser modificada para acabar coa asimetría penal por cuestión de sexo e a ineficacia da propia lei”, explican no texto electoral.
 

comentarios