Vivenda

O prezo da vivenda segue á alza na Galiza: subiu 31% en novembro

O corpo de notarios rexistra unha caída das compravendas próxima ao 10%.
Bloques de vivendas nunha rúa céntrica de Compostela. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Bloques de vivendas nunha rúa céntrica de Compostela. (Foto: Nós Diario)

Os prezos da vivenda creceron o pasado mes de novembro na Galiza un 30,9% en relación ao mesmo período do ano pasado, segundo os datos divulgados polo Centro de Información Estatística do Notariado.

Foi o aumento máis alto rexistrado de todos os territorios do Estado, que por xunto anotaron un descenso medio do custo do metro cadrado de 2%, subliñan os profesionais do notariado.

Por outra parte, a compravenda de vivendas contraeuse nun 9,5% nun contexto de caídas xeneralizadas en todos os territorios que afectou a 13 das 17 comunidades autónomas e alcanzou un decrecemento medio do 7,5%.

Compravenda

O novembro pasado efectuáronse na Galiza 2.044 compravendas de vivendas, das cales 1.465 foron pisos e 579, casas unifamiliares. Por tipo de vivenda, as compravendas de pisos diminuíron un 9,3% interanual, fronte a unha caída de 6,4% no Estado español. Polo que se refire ás vivendas unifamiliares, a compravenda decreceu un 10,1% na Galiza e un 10,9% no conxunto do Estado.

O incremento do 30,9% no prezo medio da vivenda (1.235 euros o metro cadrado) debeuse á alza experimentada polos pisos, que, cun encarecemento do 41,8% pagáronse a unha media de 1.726 euros/metro cadrado. Pola contra, o custo das vivendas unifamiliares baixou un 5,5%, até situarse en 624 euros o metro cadrado.  No conxunto do Estado, a caída media estatal nos dous tipos de vivenda foi de 2,1% e 2,4%, respectivamente.

Os préstamos hipotecarios para adquisición de vivenda, reducíronse un 15,5% interanual, na Galiza, 17,7% no Estado.
 

Comentarios