Dous novos cortes por néboa na A-8, onde o alcalde de Mondoñedo pediu medidas

Sábado e domingo tívose que cortar a circulación na zona por mor da escasa visibilidade, o que demostra que non se tomaron medidas despois do masivo accidente de hai uns días.

A A-8 ficou cortada de novo ao tráfico, sobre as 15,30 horas deste domingo, entre O Alto da Xesta e Lourenzá (Lugo) debido, unha vez máis, á néboa, tal e como ocorrera o día anterior.

En concreto, a Autovía do Cantábrico, A-8, foi pechada ao tráfico entre os quilómetros 552 e 538, segundo precisaron fontes da Dirección Xeral de Tráfico (DXT), que non precisaron cando poderán reabrila.

A néboa nesa autovía provocou un multitudinario accidente hai unha semana, que lle custou a vida a unha persoa e estivo a piques de ser unha traxedia moito maior. O alcalde de Mondoñedo, o nacionalista Orlando González, denunciou que os "sistemas antinéboa" da autovía A-8, ao seu paso por este municipio lucense, "non son suficientes".

Comentarios