Alcaldías e cargos do PSdeG reclaman dimisións inmediatas no caso José Tomé e advirten de que "quen ralentiza investigacións é cómplice"
Dirixentes socialistas de Ourense demandan unha resposta "rápida, clara e contundente" fronte ás denuncias de acoso e esixen exemplaridade ás direccións do partido.
Varias alcaldesas, alcaldes e cargos orgánicos do PSdeG en Ourense veñen de facer público un comunicado no que reclaman unha reacción inmediata fronte ás denuncias de presunto acoso sexual contra o ex presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, e advirten de que "quen oculta, ampara, relativiza ou ralentiza as investigacións convértese en cómplice e, como tal, tamén debe asumir responsabilidades e deixar todos os cargos".
No texto, remitido á militancia, simpatizantes e veciñanza, as persoas asinantes aseguran sentirse na obriga de intervir como cargos públicos e orgánicos ante a demanda social dunha resposta "rápida, clara e contundente". Entre as sinaturas figuran, entre outras, as do alcalde de Barbadás, Xosé Carlos Valcárcel; a alcaldesa de Rairiz de Veiga (A Limia), Asunción Morgade; a portavoz do PSOE en Xinzo de Limia, Elvira Lama; o coordinador provincial das Xuventudes Socialistas de Galiza, Borja López; así como as alcaldesas de Maceda (Allariz-Maceda) e Petín (comarca de Valdeorras), Uxía Oviedo e Raquel Bautista, respectivamente, e os rexedores de Castrelo do Val (Verín), Vilamartín de Valdeorras, A Gudiña (comarca de Viana) e Carballeda de Avia (O Ribeiro), Vicente Gómez, Enrique Álvarez, Néstor Ogando e Luís Milla.
O comunicado coñécese nun contexto de crecente malestar interno pola xestión do caso, despois de que voces relevantes do socialismo galego, como a alcaldesa da Coruña, Inés Rei, cuestionaran publicamente a resposta do PSdeG.
"Resposta inmediata"
As condutas que poden vulnerar a integridade ou a dignidade das persoas "deben ter unha resposta inmediata e contundente: dimitir de todos os cargos", sinala o texto, que reclama que esta regra sexa exixida polo propio partido. Os asinantes subliñan que ás persoas que ocupan as máximas responsabilidades orgánicas "debe exixírxelles unha exemplaridade aínda maior" e unha posición pública clara.
O documento insiste en que relativizar os feitos ou atrasar as investigacións supón "unha agresión directa contra todas as mulleres e contra os valores socialistas", e defende a necesidade de activar todas as medidas para esclarecer os feitos, protexer as vítimas e garantir a integridade das institucións. "O apoio e respaldo ás vítimas é clave e imprescindíbel", conclúen, advertindo de que só unha depuración clara de responsabilidades permitirá recuperar a confianza cidadá e demostrar que no PSOE e no PSdeG "non hai espazo para a impunidade nin para a violencia contra as mulleres".

