Dimite a alcaldesa socialista de Vilalba, Elba Veleiro

A rexedora explicou que se trata dunha decisión "tomada coa serenidade, a reflexión e a tranquilidade que dá o traballo feito e a satisfacción de entregar o mellor de si nestes anos".
A agora ex alcaldesa de Villaba Elba Veleiro (Foto: Elba Veleiro).
photo_camera A agora ex alcaldesa de Villaba Elba Veleiro (Foto: Elba Veleiro).

A alcaldesa de Vilalba, a socialista Elba Veleiro, renunciou á súa acta no último pleno ordinario da corporación, no cal informou de que volverá ao seu posto como médica no centro de saúde da localidade. A agora ex rexedora logrou converterse tras as eleccións de 2019 na primeira alcaldesa muller na democracia deste municipio da Terra Chá tras selar pactos con Vilalba Aberta.

No pleno, Veleiro asegurou que chegou o momento de "pór fin" á súa traxectoria política despois de 16 anos. "Teño que comunicar que hoxe entrego a miña acta e poño fin ao meu mandato de alcaldesa", sostivo.

A rexedora explicou que se trata dunha decisión "tomada coa serenidade, a reflexión e a tranquilidade que dá o traballo feito e a satisfacción de entregar o mellor de si nestes anos".

Entre os motivos que esgrimiu, destacou cumprir as responsabilidades que asumiu ao comezo da súa andanza, ao conseguir dúas alcaldías. Ademais, trasladou o seu desexo de terminar a súa vida laboral no centro de saúde. "Xa sabedes que desde finais do ano pasado ninguén cobre a miña cota de pacientes", sinalou para subliñar que a súa prioridade sempre foi "servir as persoas".

Substitución

Nun comunicado, os socialistas de Vilalba apuntan que a proposta do Grupo Municipal Socialista sinala á actual secretaria de organización da Agrupación e segunda tenente de alcaldesa, Marta Rouco, para coller a substitución na Alcaldía, unha cuestión que sinalan que foi ratificada por unanimidade pola executiva local.

Os socialistas destacan que sitúan a número dous nos pasados comicios electorais como a responsábel de asumir o bastón de mando "pola súa capacidade de xestión, experiencia na administración local e coñecemento da realidade social vilalbesa".

Con esta decisión, indicaron que o PSOE asegura a continuidade da acción política progresista no concello, "sempre coa perspectiva de alcanzar as mellores condicións de vida para a maioría das persoas".

Marta Rouco, natural de Goiriz, é licenciada en Ciencias Políticas e da Administración pola USC, cun mestrado en Administración Financeira e Tributaria expedido pola mesma universidade.

Comentarios