18-F

Díaz ratifica que Lois renunciará ao seu escano no Congreso e apela á mobilización do voto progresista

Preguntada pola división do voto na esquerda, a líder de Sumar argumenta que os progresistas na Galiza teñen "proxectos diferentes" e que en concreto o da súa formación é "para as maiorías sociais e a xente traballadora".
Marta Lois e Yolanda Díaz, na presentación da candidatura de Sumar Galicia o pasado 27 de decembro en Santiago. (Foto: César Arxina / Europa Press)
photo_camera Marta Lois e Yolanda Díaz, na presentación da candidatura de Sumar Galicia o pasado 27 de decembro en Santiago. (Foto: César Arxina / Europa Press)

A vicepresidenta segunda do Goberno español e ministra de Traballo e Economía Social, Yolanda Díaz, apelou esta cuarta feira ao electorado progresista a que acuda "en masa" ás urnas na Galiza o próximo 18 de febreiro, asegurando que se votan as mesmas 800.000 persoas que o fixeron a partidos de esquerdas nos comicios estatais do pasado 23 de xullo "haberá cambio na Xunta". Tamén ratificou que a candidata de Sumar, Marta Lois, deixará o seu escano no Congreso, onde até o de agora exerce de portavoz do espazo confederal.

"Por suposto, Marta Lois renunciará ao seu escano e presentarase ás eleccións galegas coa bagaxe que ten", explicou. Tamén reivindicou que a candidata de Sumar Galicia é "unha muller moi querida" na Universidade de Santiago de Compostela por ser "unha grande investigadora en ciencia política e en xénero", ademais de ser "unha feminista moi reputada no conxunto do país" e con experiencia de goberno no Concello de Santiago da man da Compostela Aberta de Martiño Noriega (2015-2019).

"Fago un chamamento aos galegos e as galegas, ás traballadoras. Teñen nas súas mans facer o mesmo que fixemos o 23 de xullo", dixo Díaz, nunha entrevista en TVE na que lembrou que as enquisas prognosticaban que o 'popular' Alberto Núñez Feixoo sería presidente do Goberno nas pasadas eleccións xerais e que agora vén "unha segunda volta".

A líder de Sumar precisou, segundo os seus cálculos, que se os 800.000 galegos "progresistas" que se mobilizaron o pasado 23-X volven facelo agora "pódese dar a volta á Xunta da Galiza", motivo polo que desde o seu partido están con "moitísima ilusión" por ter "unha oportunidade de cambio" por primeira vez en 14 anos. "Encher de esperanza a Xunta tras 14 anos de parálises, 14 anos de perda de emprego industrial, 14 anos de desafección absoluta", pediu a vicepresidenta, afirmando que Galiza "é unha terra próspera" na que os mozos, porén, "non teñen futuro" e na que "case toda a xente ten que saír" para ter "unha vida digna".

Chamada a BNG e PSdeG

Preguntada sobre se a división do voto de esquerdas facilita unha nova maioría absoluta do Partido Popular, Díaz argumentou que os progresistas na Galiza teñen "proxectos diferentes" e que en concreto Sumar ten un "para as maiorías sociais" e para "a xente traballadora". Tras reivindicar algúns dos seus fitos á fronte do Ministerio do Traballo, como a suba do salario mínimo ou a reforma laboral, a líder de Sumar incidiu en que "estas cousas" non serían posíbeis se o seu partido non estivese no Goberno de España. "Queremos exactamente o mesmo para a Xunta", engadiu,

Por tanto, pediu ao PSdeG e o BNG "certa esperanza" e facer "o mesmo" que PSOE e Sumar fixeron o pasado 23 de xullo, que foi "demostrar aos españois" que, aínda que tiñan "proxectos diferentes", querían "gobernar xuntos".

Comentarios