25-N

"Detrás dos números hai vidas estragadas polo terrorismo machista": o lema do BNG para o 25-N

Pontón apela a combater o "negacionismo" da dereita e da extrema dereita.
Noa Presas, Ana Pontón e Goretti Sanmartín, esta sexta feira, en Compostela. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Noa Presas, Ana Pontón e Goretti Sanmartín, esta sexta feira, en Compostela. (Foto: Nós Diario)

"Detrás dos números hai vidas estragadas polo terrorismo machista". Con este lema o BNG pon o foco na súa campaña polo 25 de novembro nas "vidas estragadas" detrás da "terríbel realidade" dos datos de feminicidios, polo que apela a combater desde as institucións e as organizacións políticas os discursos "negacionistas" da extrema dereita. 

A portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, presentou esta sexta feira a campaña da formación nacionalista con motivo do Día Internacional contra a Violencia Machista, nunha rolda de prensa na que estivo acompañada da alcaldesa de Compostela, Goretti Sanmartín, e da deputada Noa Presas

"Loitar contra a violencia machista é unha decisión política. Cando hai gobernos que o negan poñen as mulleres nunha situación de vulnerabilidade, queren volver cara atrás cando as mulleres tiñan que aguantar caladas na casa a violencia de xénero", sentenciou Pontón, que recordou que no que vai de ano dúas mulleres foron asasinadas na Galiza. 

A isto súmanse 472 sentenzas condenatorias, 972 ordes e medidas de protección ditadas polos xulgados galegos e 3.454 denuncias por violencia machista na primeira metade de 2023. E, segundo resaltou Pontón, a Galiza suma 37.600 vítimas nos últimos 15 anos, "o equivalente á poboación de Vilagarcía" (O Salnés).

Para a líder do BNG é necesario pór de manifesto estes datos "terríbeis" como forma de facer fronte "ás mentiras" dos discursos negacionistas da violencia contra as mulleres que promove a extrema dereita e que "normaliza" e "branquexa" o PP. 

Plan integral

Pontón expuxo esta setxa feira unha serie de medidas que formarán parte do programa de goberno co que se presentará ás próximas eleccións galegas.

Entre elas, a creación dun plan integral contra a violencia machista que estabeleza "obxectivos, planificación e execución", o incremento das axudas ás vitimas ("conxeladas" desde 2018) para actualizalas ao IPC, extender a rede de centros CIM "a todas" as comarcas ou recuperar a materia de Igualdade en secundaria. Para levar a cabo todo isto, o BNG propón destinar o 1% do orzamento á loita contra a violencia machista.

Comentarios