María Reimóndez e o 25-N centran o ‘Sermos Galiza’

Entrevistamos María Reimóndez, achegámonos á coeducación desde unha perspectiva feminista e analizamos a fenda salarial. Tamén falamos das últimas novidades do panorama literario, musical e cinematográfico. E moito máis!

sermos
photo_camera sermos

Como cada sábado, Nós Diario trae este sábado, 25 de novembro, entre as súas páxinas un novo número do semanario Sermos Galiza, á venda durante a fin de semana. Desta vez o 25-N, Día Internacional contra a Violencia Machista, centra a cerna do semanario.

Montse Fajardo entrevista María Reimóndez (Lugo, 1975), “que sobe ao ring para defender o feminismo en posición de garda e disposta sempre a asestar un golpe a calquera discurso patriarcal, así veña de supostos referentes na materia ou de críticos dun sistema literario que, non ten dúbida, merece maior consideración da Administración galega. Unha Administración, denuncia, que actúa "en contra da lingua".

"Chama a atención o número de mulleres que deixan de publicar. teñen carreiras literarias moito máis interrompidas que os homes e un elemento importante é o maltrato da literaria patriarcal", confe4sa nesta entrevista.

Coeducación

A violencia de xénero é un problema global que se debe previr coa coeducación desde idades temperás. Á hora de abordar este asunto, cómpre sinalar o aumento da violencia sexual na adolescencia e a falta de recursos para combater as actitudes misóxinas, que van en aumento, especialmente o papel da 'manosfera' na propagación de discursos antifeministas. Malia os desafíos, destaca a necesidade de esforzos coordinados e a esperanza en iniciativas educativas como Comando Igualdade.

“Unha das principais características da violencia de xénero é que non atende a fronteiras. Independentemente da nosa idade, da nosa cultura, do noso status social, do noso país de orixe ou residencia, a violencia machista bate en todas. Desde logo, non en todas do mesmo xeito, nin coa mesma intensidade, pero ser muller exponnos a unha violencia específica polo mero feito de selo da que ningunha de nós está exenta. En consecuencia, todo o que traballemos pola erradicación da violencia patriarcal é bo para todas, en todo o mundo”, escribe Priscila Retamozo nesta reportaxe.

Fenda salarial

Nicolasa Castro debulla a realidade na Galiza da fenda salarial. “Hoxe, e cada 25 de novembro desde 1960, o feminismo denuncia a persistencia das violencias machistas que impiden que as mulleres teñan unha vida digna e libre. Porén, aínda que estamos ante unha data asumida polas institucións, non se están poñendo todos os medios necesarios para pórlle freo á violencia machista, ferramenta do sistema patriarcal que somete as mulleres. Mostra disto é a persistencia, aínda a día de hoxe, de desigualdades no ámbito laboral, algo patente, por exemplo, na existencia de diferenzas salariais entre homes e mulleres”.

Literatura, música, cinema...

Neste número do Sermos Galiza, Tensi Xesteira e Inma Otero analizan na sección de Libros as novidades do sector. No apartado musical, Fernando Montenegro e David Regueiro achégannos propostas diferentes e cunha mirada paeticular.

E o experto en cinema Andrés Castro fálanos de adaptación d ebanda deseñada. En 'Andar e ver’ percorremos a costa de Nigrán e en cociña Anxo Fole ofrécenos o seu menú da semana.

 Por último, as dúas páxinas de pasatempos corren a conta de Xerardo R. Roca e Xoán Costa.

*Lembra que podes atopar o Sermos Galiza acompañando o xornal Nós Diario. 64 páxinas por só 3,20 euros!

Comentarios