Parlamento

Desacordo na Cámara nunha proposta para rematar coa explotación sexual

Os populares rexeitaron a iniciativa que apoiaron socialistas e nacionalistas.
As denuncias por violencia machista aumentaron en 2022 (Foto: Europa Press)
photo_camera Só 5% das vítimas figuran nos rexistros oficiais. (Foto: Europa Press)

A Rede Galega contra a Trata Sexual acolle desde o ano 2008 unha ducia de entidades especializadas que ofrecen unha atención integral ás vítimas da trata e explotación sexual. Non ten unha estimación das vítimas de trata na Galiza, "mais no que vai de ano só Médicos do Mundo atendeu 1.200 mulleres".

"Se a esta cifra lle sumamos o traballo do resto de organizacións, podemos falar facilmente dunhas 5.000 mulleres en situación de prostitución, un 70% vítimas de trata ou explotación", afirmaban este mes a Nós Diario. Só 5% figuran nos rexistros oficiais que refiren os procedementos incoados por delitos de trata de seres humanos.

Esta quinta feira na Cámara galega non houbo unanimidade ao respecto dunha proposición non de lei impulsada polo PSdeG que reclamaba á Xunta da Galiza que puxese en marcha as modificacións lexislativas necesarias para “traballar por unha Galiza libre de prostitución, garantindo sempre a protección das mulleres prostituídas”.

A iniciativa contou co apoio do BNG, cuxa deputada Montse Prado lembrou que "hai trata porque hai mercado" e incidiu en que este modelo de explotación xa non se fai só a través de locais ou lugares públicos.

A socialista Noa Díaz, que defendeu a proposta, reclamou estudar medidas para perseguir as accións de proxenetas e tratantes de seres humanos con fins de explotación sexual e acusou o PP de “mirar cara outro lado” ao votar contra a proposta que pedía “impulsar as medidas necesarias para rematar coa trata”.

Noelia Pérez (PP) criticou a iniciativa por non ter en conta "as distintas competencias das Administracións" e apuntou que a oposición "descoñece a realidade da explotación".

Comentarios