O PP perdería dous escanos mais mantería a Xunta, co BNG liderando a oposición e subindo en votos, segundo unha enquisa

O Partido Popular obtería hoxe 46,1% dos sufraxios, tres puntos e medio menos que a suma de BNG, PSdeG e Sumar, apunta o último estudo de 'Sondaxe'.
Alfonso Rueda, na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta da pasada quinta feira. (Foto: Arxina)
photo_camera Alfonso Rueda, na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta da pasada quinta feira. (Foto: Arxina)

O actual presidente da Xunta e líder do PP na Galiza, Alfonso Rueda, mantería a maioría absoluta fronte a un tripartito co BNG, con seis puntos por riba do PSOE, á cabeza, segundo unha enquisa realizada por Sondaxe e publicada este domingo por La Voz de Galicia. O traballo de campo deste estudo demoscópico abarca un total de 1.223 entrevistas realizadas entre o 18 e o 26 de outubro, polo que comezaron un día antes de que o PSdeG elixise como candidato á Xunta José Ramón Gómez Besteiro.

Desta forma, o PP obtería 46,1% dos votos e 40 deputadose deputadas, dous máis que os 38 que marcan a maioría absoluta. Porén, isto suporía perder tamén dous a respecto dos comicios de 2020, cando logrou 42, proseguindo así cunha tendencia á baixa que marcaron as últimas enquisas comparando coa anterior cita coas urnas, daquela con Alberto Núñez Feixoo encabezando a papeleta popular.

Na oposición ficará en primeira posición o Bloque, con 19 deputados e unha estimación de voto de até 25,3% —un punto e medio máis que en 2020—, mentres que o PSdeG ficaría segundo con 15 parlamentarios, gañando un respecto a 2020, e Sumar lograría o último.

Por circunscricións, os populares serían a forza con máis votos en todas elas, superando 50% dos sufraxios en Lugo e Ourense que lle valerían oito e nove deputados, respectivamente. Con todo, na da Coruña perderían dous deputados, que serían os que aumentan o PSdeG e Sumar, con respecto ao 2020 e situaríanse nos 12, mentres en Pontevedra manterían os actuais.

Ana Pontón (BNG): "O BNG lidera o cambio na Galiza, somos a alternativa"

Pola súa parte, a formación nacionalista mantería a súa liña na Coruña, con sete deputados, en Lugo outros tres, en Pontevedra seis e en Ourense tres. Sobre esta enquisa preguntáronlle a Ana Pontón este domingo tras avanzar a súa candidatura a liderar o BNG para as eleccións galegas,e quixo manter "unha certa distancia" coas enquisas, xa que, engadiu, "se algo acabamos de ver é que fallan máis que as escopetas de feira".

Con todo, valorou que ve "unha tendencia clara", cunha forza política —BNG— que "lidera o cambio na Galiza". "Somos a alternativa. Estou convencida de que hai unha inmensa maioría que quere cambio, que sabe que o cambio é chave para o futuro e que a peza que pode mover iso é o BNG. Traballamos con moita forza para que este país faga historia. Para min esta enquisa non cambia nada, é unha enquisa máis", sentenciou.

Paula Prado (PP): "Os galegos pensan que Rueda é a mellor opción para traballar pola Galiza e defendela desde a Xunta"

Desde as filas conservadoras, a secretaria xeral do PP na Galiza, Paula Prado, defendeu que esta enquisa "deixa claro" que os galegos pensan que Alfonso Rueda é "a mellor opción para traballar pola Galiza e para defender Galiza desde a Xunta". Así, destacou que a Xunta acaba de aprobar os orzamentos "máis elevados da súa historia" para investir en "estabilidade, nas persoas e no futuro". "E Alfonso Rueda, o líder máis coñecido e máis valorado, é o capitán idóneo para continuar esa folla de roteiro", engadiu.

E fronte ao PP, Prado tachou de "confuso tripartito de partidos que levan mal entre si", referíndose a BNG, PSdeG e Sumar, que afirmou que "só teñen en común o obxectivo de importar á Galiza o ruído que se ve no resto de España". "Galiza ten un rumbo e segue avanzando día a día. Nun panorama nacional incerto e cheo de incógnitas, a nosa terra é unha illa de estabilidade e queremos que siga sendo así", apuntou.

Valentín G. Formoso (PSdeG): "Somos a única forza con presenza no Parlamento que aumenta a súa representación"

Para o secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, esta enquisa mostra "un claro cambio de tendencia na Galiza". Ademais, sinala que o estudo de Sondaxe "non recolle apenas os efectos da resolución das primarias e da proclamación de Besteiro" como candidato socialista á presidencia da Xunta.

A pesar disto, Formoso destaca que o PSdeG é "a única forza con presenza no Parlamento galego que aumenta a súa representación". "É un bo punto de partida para un proxecto renovado da man de Besteiro, que ademais rexistra un grao elevado de conocimento e valoración a pesar de levar oito anos fóra da vida política debido á persecución xudicial á que foi sometido", expuxo Formoso.

Así, puxo en valor que a "nova etapa" do PSdeG "acaba de empezar" e apuntou que a medida que o novo candidato "poida despregar todo o seu potencial ante a sociadade galega" o "cambio de tendencia ampliarase" para pór fin "ao ciclo político do PP na Galiza", cun goberno "de avance e de progreso liderado polo PSdeG".

Comentarios