Declara como investigada a concelleira de Seguridade de Vigo polo accidente mortal do ‘Saltamontes’

Os avogados da acusación afirman que Patricia Rodríguez non deu “explicacións claras” sobre o papel do Concello no sinistro.

A concelleira de Seguridade de Vigo, Patricia Rodríguez Calviño (Foto: Adrián Irago / Europa Press)
A concelleira de Seguridade de Vigo, Patricia Rodríguez Calviño, esta terza feira. (Foto: Adrián Irago / Europa Press)

A concelleira de Seguridade do Concello de Vigo, Patricia Rodríguez Calviño, compareceu esta terza feira como investigada ante o Tribunal de Instancia, sección de instrución, polo accidente mortal acontecido en agosto de 2024 nas festas da parroquia de Matamá, na atracción coñecida como ‘Saltamontes’, no que faleceu un mozo.

Á saída do xulgado, a edil asegurou que ofrece toda a súa "colaboración persoal e como representante do Concello" para "esclarecer" o ocorrido. "Contestei ou dei as oportunas aclaracións ao preguntado pola xuíza e pola Fiscalía", afirmou.

Aliás, Rodríguez garantiu que "seguirá colaborando" neste procedemento xudicial para "esclarecer os feitos deste lamentábel suceso", aínda que eludiu entrar en detalles sobre as explicacións dadas ante a xuíza.

Cuestionada sobre as dúbidas da instrutora sobre se a Policía Local recibiu ordes para precintar a atracción, dado que non contaba con autorización municipal, Rodríguez limitouse a insistir en que respondeu ás preguntas e "atendín a todos os requirimentos desde o principio".

"O que si que solicito agora é respecto polo traballo do tribunal e do ministerio fiscal, que son os que terán que resolver como se produciu isto e chegar a esas conclusións", sentenciou.

Sen “explicacións claras”

Un dos avogados da acusación (que representa á que era compañeira do falecido), Francisco Méndez Senlle, lamentou que a concelleira non quixo responder as súas preguntas nin ás do avogado que representa á familia da vítima.

Neste senso, criticou que Rodríguez non deu "explicacións claras" do motivo polo que o Concello non actuou para impedir o funcionamento do Saltamontes, despois de ditar unha resolución que non permitía o inicio da actividade da atracción.

Nesta liña, explicou que tanto a concelleira como o xefe da área municipal de Seguridade, Antonio V.M. -que tamén compareceu este martes como investigado-, foron cuestionados sobre se deron ordes á Policía Local para precintar a atracción. "Non o aclararon, dixeron simplemente que se lle comunicou á Policía Local e punto", apuntou Méndez Senlle.

Ao considerar que as comparecencias desta xornada non serviron para aclarar o sinistro "porque non se actuou", o avogado avanzou que solicitarán a declaración dos responsábeis da Policía Local. "Preguntarémoslles por que non fixeron nada para impedir que funcionase a atracción", apuntou.

Accidente mortal

O accidente aconteceu na madrugada do 3 de agosto de 2024, cando un dos brazos do Saltamontes rompeu e un mozo de 36 anos, Iván C.H., caeu e sufriu lesións que lle causaron a morte.

Após o sinistro, o xulgado abriu unha investigación, no marco da cal citou a declarar como investigados ao dono da atracción e ao presidente da comisión de festas. O primeiro deles compareceu ante a xuíza en abril de 2025 e acolleuse ao seu dereito a non declarar, mentres que o segundo proclamou a súa inocencia e reclamou o sobresemento con respecto a el.

Aos longo dos meses, a xuíza requiriu diversos informes e documentación. Así, preguntou ao Concello se adoptou algunha medida para prohibir a montaxe do Saltamontes, dado de que non tiña autorización municipal; ou se incoou o expediente sancionador.

Tamén requiriu ao Goberno local para que explicase se ordenou á Policía Local precintar a atracción e para que informase sobre a falta dun plan municipal de inspección de atraccións ou sobre os motivos polos que se prohibiu a instalación deste tipo de elementos nas festas do verán de 2025.

Tres días despois do fatal accidente, o Goberno municipal de Vigo confirmou a través dun comunicado que non se autorizou o uso do Saltamontes, porque faltaba documentación e que así se notificou tanto ao propietario como á comisión de festas.

Críticas da oposición

Desde a oposición, PP BNG reclamaron explicacións á concelleira de Seguridade e cuestionaron que a Policía Local non precintara o Saltamontes se, como recoñeceu o Concello, carecía de permiso. O PP chegou a solicitar a creación dunha comisión de investigación municipal, proposta que só contou co apoio do BNG e foi rexeitada polo grupo socialista, que apelou a respectar o desenvolvemento da investigación xudicial.

Tras se coñecer a decisión do Tribunal de Instancia de Vigo, a formación nacionalista fixo público un comunicado no que considera que se confirma existencia de "indicios sólidos de responsabilidade municipal" nun contexto de control neglixente. O BNG lembra que a propia Fiscalía sinala a inexistencia dun protocolo municipal de inspeccións e tamén a falta dunha instrución clara que ordenase o precinto da atracción, unha vez constatado que non reunía as condicións exixidas pola normativa para a súa autorización.

A formación nacionalista considera que esta situación se ve agravada pola negativa reiterada da concelleira a dar explicacións perante o Pleno municipal, o que cualifica como "537 días dun silencio inaceptábel", así como polo bloqueo do Goberno local á creación dunha Comisión Especial de Investigación, solicitada polo BNG para esclarecer os feitos e depurar responsabilidades. Nestas circunstancias, a formación entende que Patricia Rodríguez Calviño debería ser cesada de maneira inmediata.

Neste senso, esta mesma terza feira, a portavoz do PP de Vigo, Luisa Sánchez, afirmou que é "inaceptábel" que a concelleira de Seguridade declarase como investigada "sen ser cesada" polo alcalde. "É do todo inasumíbel que a señora Rodríguez siga sendo a día de hoxe a máxima responsábel dun departamento que esta sendo cuestionado nos tribunais pola súa neglixente actuación neste tráxico suceso, e por tanto non pode permanecer no seu posto nin un minuto máis", proclamou Luisa Sánchez.

Comentarios