DEBATE | Débese rebaixar a idade mínima legal de votación aos 16 anos?

O concelleiro do PP na Coruña, Carlos San Claudio, e a secretaria xeral de Galiza Nova, Marta Gómez, debaten sobre a idade mínima para votar.

 

28_mayo_2023_sevilla_andalucia_espana_hoy
photo_camera Papeletas de votación nos comicios de 28 de maio. (Foto: Europa Press).

Apostar pola mocidade con feitos, non con slogans

Carlos San Claudio, concelleiro do PP na Coruña

 O pasado mes de setembro o Congreso dos Deputados rexeitou ampliar o límite de idade para exercer o dereito ao voto ata os 16 anos. Xa o fixera seis anos atrás. Agora é o BNG quen o saca de novo á palestra como proposta para as próximas eleccións autonómicas.

Os 18 anos son os que se corresponden co inicio de maioría de idade establecido no noso ordenamento xurídico, así como no resto de estados da nosa contorna. Que a maioría de idade, a adopción da plena capacidade de obrar, abra a porta ao dereito ao voto é resultado da máxima importancia e responsabilidade do que iso supón. A democracia e a soberanía popular non poden ser temas insubstanciais, cuxa modificación ou configuración dependa das ocorrencias en tempada electoral.

Gústame lembrar que cando se fala de democracia se debe facer nun dobre sentido, é dicir, non só respecto ao dereito a votar, senón tamén ao de ser votado. En suma, ao exercicio dos maiores de idade do dereito ao sufraxio tanto activo como pasivo. E iso debe manterse no mesmo nivel.

No meu caso, hai seis anos alcancei a maioría de idade, e sentín a grata satisfacción de estar responsabilizado co meu voto; o exercicio do poder das urnas estaba na miña man como cidadán de pleno dereito. Hai unhas semanas, xa con 24 anos, esa satisfacción e responsabilidade foi aínda maior, ao concorrer nas listas electorais da miña cidade, A Coruña, e resultar elixido concelleiro, grazas á confianza de Miguel Lorenzo e, por suposto, de todos os veciños que confiaron na nosa candidatura.

Podo dicir, con toda humildade, que estou a cubrir ao completo o exercicio ao dereito que antes me refería. Pero non pode ser un feito inaudito. Os mozos e mozas debemos ser protagonistas en política porque temos un papel fundamental na sociedade, porque somos “o reflexo da Galicia que avanza”, tal e como diría o noso presidente Alfonso Rueda.

A realidade é que entre os 27 concelleiros do Concello da Coruña só hai un que ten menos de trinta anos. E é do Partido Popular. Velaquí o paradoxo: por que os que se preocupan sobre a participación da mocidade nos comicios son os mesmos que lle dan as costas na elaboración das súas listas electorais?

Antes das eleccións autonómicas ás que mira o BNG, estamos chamados ás urnas este verán. É evidente que o propósito do Goberno central coa data electoral é conseguir unha baixa participación. Falar de mocidade e comicios debería de comportar o reto de conseguir unha elevada concorrencia ás urnas. O gran desafío consiste en propiciar que o maior número de mozos acuda a expresarse mediante o voto, pero moitos dos que estudan ou traballan aproveitan o verán para desprazarse. Velaquí outra das contradicións da esquerda: a desmobilización do voto novo o próximo 23 de xullo.

Aínda así, non cabe dúbida de que a mocidade galega estará unha vez máis á altura para demostrar o seu compromiso coas urnas e poñer freo á perda de oportunidades, o límite ao emprendemento ou a gran dificultade no acceso á vivenda que nos axexa.

Non hai moito apuntaba Paula Prado, secretaria xeral do PPdeG, que o noso partido é o único que aposta pola mocidade con feitos, non con slogans. Díxoo nun acto xunto aos once candidatos ás alcaldías menores de 30 anos. Sen dúbida iso é facer política en materia de mocidade. Fronte ao fume, están os feitos e fronte ás ocorrencias electorais está levar a mocidade por bandeira, situándoa á fronte de proxectos solventes en toda Galicia. Unha vez máis o Partido Popular é o partido que máis se parece a Galicia e á mocidade do país.


E se deixamos á mocidade decidir o seu futuro?

Marta Gómez, secretaria xeral de Galiza Nova

A idade legal para poder abortar? Os 16 anos. A idade legal para poder traballar? Os 16. A idade legal para poder organizarte politicamente? Os 16. A maioría de idade en termos sanitarios? Os 16. A idade legal para poder votar? Os 18. Algo falla.

Na sociedade actual, que se di democrática e na que se fomenta a participación cidadá, é fundamental cuestionar a idade mínima para exercer o dereito a voto, a día de hoxe fixada nos 18 anos no noso país, pero, tras tres anos sen procesos electorais e coas portas abertas a un ciclo de eleccións tras eleccións, non é o momento de reformularmos esta norma e permitir que a mocidade de 16 e 17 anos tamén poida participar nos procesos democráticos? A resposta é clara: Si.

É certo que hai quen argumenta que as mozas e mozos de 16 anos non teñen a madurez necesaria como para votar de xeito responsable. Porén, nunha era de acceso instantáneo á información e avances tecnolóxicos, a mocidade ten máis oportunidades que nunca para educarse e formar opinións ben fundamentadas.

Moitas mozas e mozos a esa idade xa teñen un bo nivel de coñecemento político, son plenamente conscientes da súa realidade e están preparados para exercer o seu dereito a voto de maneira informada.

Negarlles este dereito é subestimar a súa capacidade e intelixencia, caer no infantilismo e limitar a súa participación en cuestións que afectarán directamente no seu presente e no seu futuro.

Ampliar o dereito a voto aos 16 anos enviaría á mocidade unha mensaxe clara: a súa voz é valiosa e as súas opinións importan. Isto fomentaría a participación cidadá dende unha pronta idade e promovería o desenvolvemento dunha maior conciencia política, sentando as bases para unha sociedade máis activa e máis comprometida coa súa toma de decisións.

Ademais, hai unha vantaxe que predomina fronte ao resto á hora de outorgar o dereito a voto a partir dos 16 anos, que ten a súa orixe na posibilidade de influír directamente nas políticas que afectan á mocidade ou nas que condicionarán o seu futuro.

Algunhas cuestións como a educación, o cambio climático ou o emprego xuvenil teñen un impacto na vida das mozas e mozos deste país, que teñen demostrado sobradamente ter a conciencia política necesaria como para comprender a realidade, defendela e mesmo ser vangarda nestes movementos: as folgas en ensino medio, os Fridays for future ou a loita por un emprego digno e de calidade son loitas desenvoltas por e para garantir os dereitos da mocidade.

Permitirlles votar sería garantir unha plataforma máis na que poder expresar as súas preocupacións e promover solucións que respondan ás súas necesidades específicas. A mocidade non so sería considerada como un mero beneficiario das políticas públicas, senón como axentes chave na toma de decisións que moldean o seu propio futuro. Nun momento no que medra a desafección política, é unha responsabilidade pública facer as reformas e cambios necesarios para que a cidadanía se sinta máis representada. Ampliar o dereito a voto aos 16 anos é un paso necesario cara á construción dunha sociedade máis inclusiva e máis democrática.

É hora de recoñecer o potencial e a capacidade da mocidade para contribuír á sociedade, de permitirlles exercer plenamente o seu dereito a voto, de que as mozas e mozos se impliquen na política.

É hora de que a nosa voz importe e estamos no mellor momento para facelo posíbel.

Comentarios