O 1 de Agosto, e presionado até polo Deutsche Bank (que chegou a manexar a hipótese de "sacrificar" a Rajoy), o presidente do Goberno español vai comparecer na Cámara, nas súas palabras para falar da situación económica e política do Estado. En realidade, irá ao Congreso, despois de se resistir a facelo durante semanas, para esclarecer o financiamento irregular do seu partido durante dúas décadas.
A Lei de Partidos contempla a disolución daquelas formacións que poñan en perigo a democracia. Seríalle de aplicación ao PP, entende a portavoz do BNG na Cámara baixa, en declaracións á axencia Europa Press, caso de Rajoy non dar explicacións convincentes sobre a forma en que o seu partido se ten financiado nos últimos 20 anos.
Como suposto para invocar eventualmente a aplicación da Lei de Partidos, Fernández Davila non só apunta á ligazón entre Bárcenas e Rajoy (aquel foi promovido por este ao seu posto de tesoureiro do partido), senón tamén o nomeamento como presidente do Tribunal Constitucional dun afiliado do PP.