luns 13.07.2020

C's, sobre un pacto con PP e Vox: "É un escenario que estaría en mans do PP"

Beatriz Pino, candidata á Presidencia da Xunta por Ciudadanos, asegura que o partido laranxa "estaría aí" se Núñez Feixoo precisase a "suma" para gobernar.
A candidata á Presidencia da Xunta por Ciudadanos, Beatriz Pino (Imaxe: Europa Press).
A candidata á Presidencia da Xunta por Ciudadanos, Beatriz Pino (Imaxe: Europa Press).

Ciudadanos “estaría aí” se o actual presidente da Xunta e candidato do Partido Popular, Alberto Núñez Feixoo, precisase a “suma” para gobernar. Así o asegurou a candidata á Presidencia da Xunta por Cudadanos, Beatriz Pino, nunha entrevista. "Iso si, sen quedar diluídos", matizou.

Sobre se Ciudadanos Galicia apoiaría tamén un acordo don Núñez Feixoo no que participase Vox, Pino deixou esta posibilidade en mans do PP. "É un escenario que estaría en mans do PP en todo caso se é o que ten finalmente a chave para gobernar Galiza. Habería que propoñerllo a eles", manifestou Pino, acrecentando que o que se trata "é de poñer en marcha Galiza e facer políticas para os galegos".

Pino lembrou que Ciudadanos xa tratara de chegar a acordos cos populares para acudir de maneira conxunta á cita coas urnas e defendeu que a súa formación teña capacidade de influencia no futuro Goberno da Xunta, convencida de que cómpre "unha nova vontade política".

Tras cuestionarse os motivos polos que Galiza carece de AVE a Madrid e censurar a falta de oportunidades para a mocidade, Pino puxo en valor as propostas do seu partido fronte a un Núñez Feixoo a que ve “arrastrando os pés”. A candidata laranxa negou “falta de coherencia” entre as críticas á “falta de ritmo” do presidente do Goberno galego a súa disposición a apoialo.

"Non me veredes facendo unha emenda á totalidade do que puidese facer Feixoo até agora", aclarou, para reivindicar capacidaade da súa formación "de asumir e de admitir que se fixeron cousas ben”. "O que pasa é que moitas outras non se fixeron ben", argumentou. En troques, marcou distancias co PSdeG, ao que afea o seu "achegamento" ao nacionalismo.

De cara a cita coas urnas, Pino márcase o obxectivo de obter un escano por cada circunscrición e nega que a formación laranxa tivese "bandazos ideolóxicos".