A TVG propón un debate electoral o 29 de xuño e con presenza de 7 candidatos, entre eles os de Vox e Cs

Así figura na proposta remitida pola CRTVG ás sete formacións que participarían no debate: PPdeG, PSdeG, BNG, Galicia en Común, Marea Galeguista, Ciudadanos (Cs) e Vox.

Debate galegas 2016
photo_camera Debate galegas 2016

A primeira segunda feira da campaña electoral, 29 de xuño, e con sete candidatos. Son as dúas premisas fundamentais que están sobre a mesa para o debate electoral na TVG no marco dun plan global de cobertura dos medios públicos para as eleccións do 12 de xullo que aínda debe ser remitido aos partidos e sobre o que poderán negociar.

Aínda que debe ser ratificado e remitido aos partidos, fontes coñecedoras do borrador avanzaron a Europa Press que o plan que, en principio, se fará chegar ás formacións, seguirá as pautas legais avaladas pola xunta electoral no previsto para os comicios do 5 de abril, despois aprazados pola pandemia. A CRTVG rexeitou confirmar o contido á espera de que a proposta sexa definitiva e se envíe ás forzas galegas.

Agás mudanzas de última hora, a proposta de data de debate que recibirán en breve as forzas galegas será a primeira segunda feira de campaña para o 12-X e o resto de características do formato serán similares ás previstas para o 5-A.

A principal diferenza é que se convidará a unha forza máis que na anterior cita: Marea Galeguista. É dicir, estarán convidados a debater nos medios públicos galegos candidatos de PPdeG, PSdeG, BNG, Galicia en Común, Marea Galeguista, Ciudadanos (Cs) e Vox.

Na anterior cita convidouse PPdeG, PSdeG e BNG pola súa condición de partidos 'representativos', é dicir como formacións con representación parlamentaria no Pazo do Hórreo.

En consideración de 'significativa' foi citada entón Galicia en Común, que como tal non tivo na lexislatura que remata representación parlamentaria. Iso si, desta coalición forman parte socios iniciais do partido político de En Marea, que en 2016 logrou situarse como segunda forza na Cámara galega, condición que posteriormente perdeu ao rachar o grupo parlamentar que lideraba Luís Villares.

Após a saída de Podemos, Anova e EU, Villares quedou como referente temporal, antes de abandonar a política, de En Marea, formación que participa unida ao Partido Galeguista e a Compromiso por Galicia, nunha coalición baixo a marca Marea Galeguista, cuxo candidato é o exdeputado Pancho Casal.

Ciudadanos e Vox foron convidados, segundo explicou entón a CRTVG, seguindo estes mesmos parámetros da LOREX e instrucións da xunta electoral, coa diferenza de que estas dúas formacións non teñen representación nin no Parlamento da Galiza nin contan con deputados por ningunha das circunscricións galegas no Congreso.

O último debate electoral celebrado na TVG, nas eleccións de 2016, citara a cinco candidatos: os representantes do PPdeG, Alberto Núñez Feixoo; En Marea, Luís Villares; PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga; BNG, Ana Pontón; e Cidadáns, Cristina Losada.


 

Unha vez que o plan dos medios públicos sexa ratificado e remitido aos partidos, o previsíbel é que haxa unha reunión para negociar os detalles do debate e da cobertura durante a campaña.

Comentarios