A crise de Anova agrávase coa convocatoria dunha asemblea do sector crítico este domingo en Compostela

A través dunha convocatoria publicada nunha páxina de Facebook a "militancia crítica" de Anova afonda a crise iniciada nos últimos meses tras a demisión do coordenador nacional, Martiño Noriega, e doutr@s cinco integrantes da Comisión Permanente. 

anova

En réxime de "auto-convocatoria", aseguran, á asemblea está chamada a "militancia crítica e comprometida" da organización liderada por Xosé Manuel Beiras mais tamén, indican, "simpatizantes, votantes e xentes comprometidas co tecido social" que partillen "os principios consensuados que deron lugar ao Novo Proxecto Común" e que "posteriormente foron aprobadas na Asemblea Constituínte de Anova nos seus principios políticos". Desta maneira, o denominado Foro Anova por unha militancia informada desmárcase das decisións acordadas na I Asemblea nacional decorrida en xullo de 2013. 

O obxecto da convocatoria, de acordo cos puntos que compoñen a orde do día, será valorar de maneira "crítica" o propio proxecto político e determinar a "estratexia de acción" que de maneira "colectiva" desenvolverán. 

A política de alianzas, no cerne do confronto

As tensións xeradas arredor da expulsión de 17 militantes da localidade de Redondela fixo estourar o conflito e evidenciou os "dous polos" recoñecidos pola que foi responsábel de Acción feminista e membro da Permanente, Iolanda P. Docampo, na súa carta de renuncia. Porén, a diverxencia de opinións non se reduciría á decisión adoptada pola Comisión de Garantías --que @s críticas exixen sexa revogada pola que consideran unha "extralimitación" nas súas competencias--, senón que abranguería tamén a política de alianzas da organización.

E é que a aposta da formación nunha teoría de xeometría variábel en función dos comicios --aprobada por Anova na súa I Asemblea Nacional-- estaría a ser desbotada pola militancia crítica que defende a re-edición da coligación con Esquerda Unida nas eleccións europeas. 

Así se pronunciou o responsábel comarcal de Anova-O Morrazo, Breixo Paz, quen expresou nun comunicado de imprensa o seu "respaldo á proposta de concorrer ás eleccións ao Parlamento europeo en chave de Fronte-Ampla, que tería que ter como base a continuidade da proposta política concretada na Alternativa Galega de Esquerda". Neste senso, a asemblea comarcal do Morrazo alíñase desta maneira coas teses defendidas polo teense Martiño Noriega e mesmo demandaron a "depuración de responsabilidades pola situación xerada en Anova", en clara alusión ao sector encabezado por Luís Eyré e Mario López Rico. 

"Anova non está exenta de morrer"

As posicións públicas amosadas pola comarca do Morrazo, mais tamén pola localidade de Teo e a propia asemblea comarcal de Compostela acrecentan a crise aberta en Anova e espellan unha presión interna que demanda mudanzas na organización, a comezar pola revogación das sancións impostas pola Comisión de Garantías @s 17 militantes de Redondela. 

Neste senso, a través dun comunicado de imprensa remitido pol@s sancionad@s --entre os que se atopan dous integrantes da Coordenadora Nacional de Anova-- aseguran reservárense o "dereito a acudir á xustiza ordinaria" de non se solucionar o conflito "pola vía do consenso". Para isto, exixen a re-incorporación da militancia expulsa. 

A profunda crise aberta no seo de Anova levou ao seu líder, Xosé Manuel Beiras, mesmo a asegurar que a formación podería desaparecer após dous anos da súa fundación. "Anova non está exenta de morrer", dixo.

Comentarios