Créase o Observatorio Galego da Violencia de Xénero

Apróbase tamén a creación do Consello Galego das Mulleres e a Comisión Interdepartamental de Igualdade, tal e como fixaba a Lei 11/2007 para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero

De acordo co disposto na lei para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, aprobada en 2007, o Consello da Xunta vén de aprobar o decreto polo que se crean tres organismos a prol da sensibilización, prevención e tratamento da violencia machista: o Observatorio Galego da Violencia de Xénero, o Consello Galego das Mulleres e a Comisión Interdepartamental de Igualdade.

O Decreto aprobado nesta quinta estabelece a composición, obxectivos e funcións destes órganos consultivos e de representación.

 O Observatorio Galego da Violencia de Xénero constitúese como órgano colexiado adscrito á Secretaría Xeral de Igualdade e desenvolverá tarefas de estudo, avaliación e seguimento das políticas contra a violencia machista desenvolvidas na Galiza. O Observatorio recollerá información relativa á materia e proporá investigacións e estudos específicos sobre a violencia contra as mulleres. Así mesmo, actuará como órgano de vixilancia en materia publicitaria para o que recibirá asesoramento da Comisión Asesora de Publicidade non Sexista. Devandita Comisión estará formada por representantes das secretarías xerais de Igualdade e de Medios, da CRTVG, do Colexio Profesional de Xornalistas de Galiza e das axencias de publicidade; o seu obxectivo é erradicar o linguaxe e simboloxía sexista das campañas publicitarias.

O Observatorio incluirá, para alén das representantes da Xunta, delegad@s municipais, xuristas, representantes sindicais e empresariais e ao Consello Galego das Mulleres, concibido como unha canle de participación para elevar propostas aos poderes públicos así como un instrumento de investigación e análise a respecto da situación real das mulleres galegas.

Pola súa banda, a Comisión Interdepartamental de Igualdade garantirá o cumprimento e correcta aplicación da Lei 11/2007, para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, así mesmo, velará polo carácter transversal das accións e políticas desenvolvidas pola Xunta de Galiza. Esta Comisión estará composta por representantes dos departamentos e órganos que compoñen o executivo galego.

 

 

 

 

Comentarios