18-F

Correos admite case 63.000 solicitudes de voto por correo, un 35% máis que en 2016

As e os solicitantes teñen de prazo até a vindeira quinta feira, 15 de febreiro, para depositar o sobre co voto en calquera oficina de Correos de todo o Estado español, no seu horario habitual de apertura.
Unha persoa asina a solicitude de voto por correo. (Foto: Gabriel Luengas / Europa Press)
photo_camera Unha persoa asina a solicitude de voto por correo. (Foto: Gabriel Luengas / Europa Press)

Correos admitiu case 63.000 solicitudes de voto por correo de cidadáns e cidadás que desexan exercer o seu dereito por este sistema nas eleccións ao Parlamento da Galiza do domingo 18 de febreiro. En concreto, 45.653 peticións presentáronse de forma presencial na rede de oficinas da compañía e outras 17.178 de forma telemática.

Estas cifras supoñen, con todo, un 18,2% menos que nos comicios de 2020, se ben aquela cita electoral estivo marcada pola pandemia de Covid-19. Daquela a abstención superou o 50%, polo que máis da metade do electorado optou por non votar, nin presencialmente nos colexios nin por correo.

Con todo, a comparativa coas eleccións ao Parlamentode 2016 deixa un incremento de 35,7%. Hai oito anos pediron o voto por correo 46.288 persoas, fronte ás 62.831 que, até o final do prazo na medianoite desta pasada quinta feira, optaron por facelo para a cita coas urnas do vindeiro 18-F.

Tras comprobar a inscrición dos solicitantes no Censo, as Delegacións Provinciais da Oficina do Censo Electoral na Galiza seguen remitindo os envíos coa documentación electoral —certificado de inscrición no censo, sobres e papeletas de todas as candidaturas— ao enderezo indicado polo elector ou electora na solicitude, con carácter certificado e urxente.

O Censo ten de prazo até o vindeiro domingo, 11 de febreiro, para facer entrega a Correos deses envíos, que seguirá poñéndoos ao dispor da cidadanía a medida que os reciba.

A persoa solicitante, pola súa parte, ten de prazo até a vindeira quinta feira, 15 de febreiro, para depositar o sobre co seu voto en calquera oficina de Correos de todo o Estado español, no seu horario habitual de apertura.

Comentarios