18-F

Amplíase até o 15 de febreiro o prazo para depositar o voto por correo

Nunha resolución, a Xunta Electoral Central aproba a proposta realizada por Sociedade Estatal Correos e Telégrafos e amplía nun día o prazo de depósito do voto por correo, até o 15 de febreiro.
Vehículos de Correos (Foto: Europa Press).
photo_camera Vehículos de Correos (Foto: Europa Press).

A Xunta Electoral Central (XEC) acordou ampliar até o próximo 15 de febreiro o prazo para depositar o voto por correo para as eleccións que decorrerán na Galiza o próximo 18 de febreiro (18-F).

Nunha resolución, a XEC aproba a proposta realizada por Sociedade Estatal Correos e Telégrafos e amplía nun día o prazo de depósito do voto por correo, até o 15 de febreiro, para todos os electores que se atopen no Estado español nos horarios habituais de apertura de oficinas de Correos. En concreto, as persoas electoras que decidan votar por correo poden solicitar até o día 8 de febreiro (inclusive) o certificado de inscrición no Censo Electoral da Galiza.

Solicitudes

Correos entregará as solicitudes recibidas nas Delegacións da Oficina do Censo Electoral na Galiza, que enviará ás persoas solicitantes, a partir do 29 de xaneiro de 2024, a documentación necesaria para que poidan exercer o voto por correo. O prazo de depósito do voto por correo finalizaba o 14 de febreiro de 2024, pero con este acordo, a XEC autoriza que o prazo se amplíe un día.

Para ese efecto, a XEC sinala que a Sociedade Estatal Correos e Telégrafos deberá extremar a dilixencia para asegurar que os sobres co voto poidan entregarse o día da votación nas respectivas mesas electorais, dentro dos prazos legalmente estabelecidos.

Comentarios