A ex alcaldesa de Vigo e parlamentaria Corina Porro 'xubílase' da política após 30 anos nas institucións

"Chegou o momento de xubilarme e deixar a política activa despois de 30 anos de servizo público", anuncia, nunha carta dirixida á militancia do PP de Vigo.
A 'popular' Corina Porro. (Foto: Europa Press)
photo_camera A 'popular' Corina Porro. (Foto: Europa Press)

A ex alcaldesa de Vigo (2003-2007) e secretaria da Mesa do Parlamento galego durante a pasada lexislatura, Corina Porro, deixará a política activa a partir da vindeira segunda feira, 18 de marzo, cando quedará constituída a XII Lexislatura, xa que non concorreu nas listas. Así o avanzou a 'popular' esta cuarta feira a través dunha mensaxe de despedida dirixida á militancia do PP de Vigo no que confirma que, logo de facer 70 anos de idade, chegou o seu momento de xubilarse e abandonar a política "despois de 30 anos de servizo público".

Deixará atrás así décadas de traballo en diferentes institucións. Próxima a Alberto Núñez Feixoo, foi conselleira de Asuntos Sociais na Xunta de Manuel Fraga, entre 2001 e 2003, até que foi a elixida polo seu partido para competir pola Alcaldía de Vigo. Non o conseguiu pactando tras as eleccións, pero fíxose co bastón de mando en decembro de 2003, por ser o PP a forza máis votada, despois de que o socialista Ventura Pérez Mariño perdese unha moción de confianza e non recibise o apoio do BNG.

Mantívose como rexedora até 2007, cando quedou a un concelleiro de conseguir a maioría absoluta e, ao non logralo, Abel Caballero pactou co Bloque para facerse coa Alcaldía. Desde entón, Porro ocupou diversos cargos, como senadora, presidenta do Porto de Vigo, presidenta do Consello Económico e Social (CES) da Galiza, delegada territorial da Xunta na cidade olívica e, desde as eleccións galegas de 2020, secretaria primeira da Mesa do Parlamento despois de concorrer como 'número 2' de Feixoo na lista por Pontevedra.

"Queridos compañeiros, chegou o momento de xubilarme e deixar a política activa despois de 30 anos de servizo público. É moi importante para min poder despedirme de todos vós e dicirvos o agradecida e honrada que me sinto por poder facer este camiño xuntos", expresa na misiva enviada á militancia do PP vigués.

Neste escrito, Porro agradece a todos eles e elas, como "piar sobre o que se sostén o partido", a súa "implicación persoal e o afán" co que defenden "sempre" as siglas da formación popular. "Escoitarvos, aprender de vós e recibir o voso afecto foron das facetas máis gratificantes da miña traxectoria política", engade.

Desta forma, confirma que esta próxima segunda feira perderá xa todos os seus cargos de responsabilidade, "públicos e orgánicos". "Pero seguirei sendo militante do que foi sempre, e será, o meu partido, o Partido Popular", conclúe Porro, que se despide cunha "forte aperta".

Comentarios