A cooperación local centra as contas das Deputacións para 2024

As entidades provinciais debullaron os orzamentos
De esquerda a dereita e de arriba a abaixo, Formoso, Tomé, Menor e López, esta sexta no Parlamento. (Foto: Nós Diario)
photo_camera De esquerda a dereita e de arriba a abaixo, Formoso, Tomé, Menor e López, esta sexta no Parlamento. (Foto: Nós Diario)

Os presidentes das catro Deputacións provinciais da Galiza interviron esta sexta feira, 3 de novembro, na comisión 3ª de Economía, Facenda e Orzamentos do Parlamento galego no marco da rolda de comparecencias para realizar sesións informativas en relación co proxecto de Lei de orzamentos xerais da Galiza e para explicar as principais liñas dos Gobernos provinciais para o ano 2024. 

Cooperación local

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso (PSdeG), foi o primeiro en intervir, reprochando á Xunta da Galiza a "conxelación do Fondo de Cooperación Local. O tamén alcalde das Pontes (comarca de Eume) denunciou que Concellos e Deputacións sumen competencias do Executivo galego sen ter, expuxo, un financiamento axeitado e cun Fondo de Cooperación Local "conxelado desde hai unha década". 

Fronte a isto, Formoso defendeu a "obxectividade" na xestión dos recursos por parte do Goberno bipartito –PSdeG e BNG– na Deputación coruñesa e coa "aposta pola cultura e a igualdade". "Se non é por nós non existe", dixo ao considerar "inexistente" este tipo de políticas no ámbito da Xunta. 

Políticas sociais

Á de Formoso seguiu a intervención do presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca (PSdeG), que puxo énfase na partida destinada a políticas sociais, a cal cifrou en "máis dun terzo dos recursos". "Un Goberno responsábel e útil é aquel que aproba os orzamentos en tempo e forma, pero tamén o que fai unha planificación realista e executa o orzamento", comezou dicindo Tomé, que situou en 85% a media de execución do orzamento do anterior mandato. 

O presidente provincial, que apuntou á "cooperación, as políticas sociais, a mobilidade e o apoio aos sectores produtivos" como "as grandes liñas estratéxicas" dos novos orzamentos, asegurou que a Deputación transfire anualmente "20% dos fondos provinciais" ao Plan de Cooperación cos Concellos, fronte a "1,1%" que a Xunta destina a través do seu Fondo de Cooperación Local.

Novo modelo

Pola súa parte, Luís Menor (PP), presidente da Deputación de Ourense, destacou tamén a cooperación cos concellos. No documento económico de Ourense para 2024, a principal novidade "radica sen ningún xénero de dúbida no extraordinario reforzo que vai experimentar a cooperación cos concellos", afirmou Menor en referencia ao plan CooperOU, o novo modelo de financiamento presentado esta mesma semana. 

O obxectivo, segundo expuxo Menor, é "chegar a todos os concellos". "Uns orzamentos que medran, que tratan de cooperar cos concellos, con diálogo e que tocan todos os sectores estratéxicos", resumiu. 

Municipalismo

Finalmente, Luís López (PP), presidente da Deputación de Pontevedra, presentou esta sexta os orzamentos para 2024, o que supuxo a primeira comparecencia deste ente provincial desde 2016, xa que a anterior presidenta, Carmela Silva (PSdeG), declinara acudir a partir de 2017.

López destacou que a Deputación terá "o maior orzamento da súa historia" e tamén "as contas máis municipalistas da historia", subliñando o "firme compromiso municipalista" que busca "entender a realidade dos 61 concellos da provincia". "Un de cada tres euros" van de forma directa aos concellos, afirmou. 

Comentarios