A Deputación de Lugo lanza 'Unha tripla pola igualdade'

Iniciativa para "visibilizar" o deporte feminino
Tomé Roca (terceiro pola esquerda), onte na presentación. (Foto: Deputación de Lugo).
photo_camera Tomé Roca (terceiro pola esquerda), onte na presentación. (Foto: Deputación de Lugo).

A Deputación de Lugo presentou en sociedade no día de onte a iniciativa Unha tripla pola igualdade, un proxecto co que pretende "visibilizar, apoiar e fomentar o deporte feminino a través dun completo programa de actividades que arrancarán este mesmo sábado e continuarán até finais de ano", explicou o presidente da institución provincial, José Tomé Roca, no Pazo de San Marcos.

O debut de Unha tripla pola igualdade será, xa que logo, tan cedo como no día de mañá, ás 19.30 horas, co último partido de pretempada do Ensino de Lugo. As da Cidade da Muralla colisionarán nun amigábel co recentemente ascendido Celta de Vigo nun pavillón Jonathan Carro de Guitiriz que abrirá as súas portas para que quen queira asistir ao encontro poida facelo sen gastar un só euro.

No mesmo recinto desenvolverase a seguinte fin de semana, sábado 23 e domingo 24 de setembro, un torneo feminino en categorías de formación para nenas infantís e cadetes, participando oito equipos que chegarán desde diferentes puntos da xeografía galega.

Ademais, outra das "patas importantes" da iniciativa, tal e como sinalou Tomé Roca, serán as visitas escolares, pois están previstas diferentes xuntanzas entre o corpo técnico e xogadoras profesionais do Ensino, que percorrerán as diferentes comarcas para intercambiar canastras e impresións co alumnado, explicándolles, ao mesmo tempo, as dificultades que tiveron para chegar á elite do deporte. 

O presidente da Deputación avanzou que as citas serán en diferentes centros dos concellos de Burela, A Fonsagrada, Samos, Antas de Ulla, Castroverde e Monforte de Lemos, e que participarán máis de 600 nenos e nenas. Por último, tamén revelou que Unha tripla pola igualdade contará a finais de ano "cunha mesa redonda con data aínda por definir" na que "referentes femininos no deporte de elite galego e estatal" disertarán sobre as súas experiencias na elite.

Obradoiro presenta  Rigoberto Mendoza

Sen saír do baloncesto, pero cambiando o feminino polo masculino, un dos dous representantes galegos na ACB, Monbus Obradoiro, presentou onte a súa última incorporación, o ala internacional dominicano Rigoberto Mendoza.

Comentarios